O proxecto de transformación integral do parque da Praza de Europa segue adiante coa mellora da iluminación da nova pista multideporte e dos campos de petanca e a renovación paisaxística do contorno da zona de xogos infantís

153
  • Tralo pintado da nova pista e a plantación de arborado para mellorar as condicións de sombra e a composición ornamental do contorno do parque infantil, a Concellería de Desenvolvemento Sostible proseguirá as obras coa instalación de dous focos para iluminar a pista e doutros dos proxectores na zona dos terreos de petanca
  • O voceiro socialista, Iván Puentes, asegura que “a mellora do pavimento de xabre e dotación de mobiliario e de puntos de recarga poranlle a guinda a este proxecto, co que se está logrando poñer en valor o principal espazo de socialización do barrio de Monte Porreiro”

Tralo pintado da nova pista multideporte e a plantación de arborado que permitirá mellorar as condicións de sombra e a composición ornamental no contorno do seu parque infantil, o proxecto de transformación integral do parque da Praza de Europa impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural segue a dar importantes pasos adiante. As obras de remodelación deste eixo central do barrio de Monte Porreiro, executadas pola empresa Garocaprim SL, proseguirán coa renovación paisaxística do contorno da zona de xogos infantís e cunha substancial mellora da iluminación: instalaranse dous focos para a pista deportiva e outros dous proxectores para a área dos terreos de petanca, o que permitirá o seu uso nas últimas horas da tarde e pola noite. Ademais, realizarase unha supervisión das luminarias no conxunto do parque.

Segundo explica o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, “nestes días procedemos a unha primeira plantación de arborado, con especies que permitirán mellorar as condicións de sombra no contorno do parque infantil, como cinamomos ou árbores do paraíso; outras de composición paisaxística como bidueiros (cara á rúa Alemaña), e arces sacarinos (exemplar ornamental), envolvendo as zonas de estancia e confort arredor da área de lecer para nenos e nenas”. “Tamén se está a instalar un sistema de rega de xeito manual -indica o socialista-, antes de acometer os traballos de acondicionamento paisaxístico e proceder á incorporación de planta arbustiva e vivaz e á eliminación e reposición das árbores en mal estado ou perigosas. O broche a esta intervención porémolo coa mellora do pavimento de xabre e a dotación de novo mobiliario (bancos e papeleiras) e de puntos de recarga para teléfonos móbiles”.

Entre os obxectivos deste proxecto de reforma integral, ao que Desenvolvemento Sostible destinou unha achega económica de 44.467,18 euros e que pretende potenciar o papel do parque da Praza de Europa como núcleo de centralidade e da vida social de Monte Porreiro, contémplanse os de mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería; xerar un espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; optimizar a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e incrementar a capacidade de acollida e confort do espazo coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación. A pista polideportiva instalada está pensada para xogos de pelota en xeral e conta con peche perimetral, entradas polos dous laterais, estruturas cubertas de capa anti graffiti, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura e pezas metálicas galvanizadas en quente con recubrimento en po, tornillería de aceiro e ancoraxes metálicos.

A intervención prevé a subministración e instalación de varias papeleiras e de puntos de recarga con catro tomas de USB de 2,1A e 5V (con dobre soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación ‘recargando’) a carón da pista de xogos multideporte. Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…) e instalarase un sistema de rega automatizado dotado de estacións reguladas por electroválvulas e un programador central.

Ampliarase o parque infantil con máis xogos e substituirase o seu chan de herba sintética

Iván Puentes constata que “días atrás, aproveitando as obras de renovación paisaxística e axardinamento desta zona verde, completouse o traslado da oliveira situada entre a Praza de España e a avenida de Montero Ríos, a un dos xardíns existentes no contorno do parque infantil da Praza de Europa, nas inmediacións da tirolina de máis de 20 metros de lonxitude que instalamos neste mandato”. O portavoz do PSOE avanza que a Concellería de Desenvolvemento Sostible, que xa fixo un labor de adaptación do parque á normativa autonómica e europea en materia de seguridade, ten previsto ampliar esta área de lecer con máis xogos, así como acometer a substitución do seu chan de herba sintética.