O parque de Mollavao estrea nova imaxe tralo remate das obras de mellora acometidas por Desenvolvemento Sostible

45
  • O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes realizou diversos traballos de reacondicionamento para facer máis segura a zona de xogos, da  que agora si poderán desfrutar en plenitude todos os meniños da cidade

A renovación do parque infantil de Mollavao xa é unha realidade. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de rematar o proxecto de reacondicionamento desta zona de xogos infantís, ao que destinou unha achega económica de 6.000 euros e que se traduciu na execución de diferentes traballos de adaptación do espazo, convertíndoo nun lugar máis seguro, bonito e desfrutable para a rapazada de Pontevedra.

A obra levada a cabo pola empresa Eicros Gestión SL dotou ao parque dunha nova imaxe mediante o arranxo de todo o valado perimetral da zona de xogos, coa dotación dun novo treito de madeira; a reposición de parafusos e tapóns; a substitución de cordas en mal estado por outras novas; a realización dunha limpeza integral do pavimento do parque, coa eliminación de malas herbas; e o fresado do chan, que mellorou as condicións de amortecemento.

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, impulsor desta actuación, amosou a súa satisfacción “co fantástico resultado destas obras”. “Agora si temos un parque acondicionado, bonito e no que os nosos nenos e nenas poden desfrutar con seguridade e nunhas condicións óptimas”, sinalou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.