Lores: «Pontevedra volve despegar a nivel económico despois da crise provocada pola pandemia»

2

O Concello atendeu un total 244 peticións de licenzas de apertura para negocios ou actividades comerciais entre os anos 2021 e 2022, cifras un chisco superiores ás dos anos 2018 e 2019

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dalgúns datos dentro do eido do dinamismo económico da cidade. «Estamos nun momento post-pandemia, por outro a crise de prezos e a guerra de Ucraína; e cremos que pagaba a pena afondar nalgúns datos económicos que iremos ofrecendo ao longo dos vindeiros días», sinalou o rexedor.

Así, nesta ocasión, o alcalde quixo ofrecer as cifras de licenzas de apertura ou título habilitantes de negocios ou actividades comerciais nos últimos dous anos. «Estamos falando de actividades que teñen que ver con restauración, hostalaría, supermercados, despachos profesionais… calquera tipo de actividade. Cos datos que temos neste momento podemos dicir que a Boa Vila despega logo da crise provocada pola pandemia», indicou.

«Se vemos os datos dos anos 2021 e 2022, e comprobando todas as actividades deste tipo, podería resaltar, por exemplo, as dos supermercados, superficies que se instalan onde detectan dinamismo económico logo de estudos de mercado rigorosos, como foi o caso do Gadis de Benito Corbal, que ampliou enormemente o seu local coa mudanza de ubicación, ou as peticións de Aldi para abrir até dous supermercados, en Vialia e na Avenida de Lugo», sinalou Lores.

Doutra banda, a cidade na actualidade conta con tres residencias da terceira idade en construción, dúas privadas e unha pública, que están xerando un movemento económico importante e o día de mañá ofrecerán centos de posto de traballo. «Imos máis que a duplicar a capacidade das residencias existentes nos vindeiros anos. Van xerar postos de traballo permanentes para a súa xestión».

No ano 2021 e 2022 Pontevedra logrou igualar, e mesmo superar, as cifras dos anos 2018 e 2019 á hora de emitir licenzas de apertura para negocios e actividades comerciais. Así, entre os anos 2021 e 2022, o Concello atendeu 244 peticións de licenza de título habilitante de apertura, namentres que nos anos 2018 e 2019 foron algo menores, 239.