Desenvolvemento Sostible acomete os traballos de axardinamento e arranxo dos desperfectos no parque da Palmeira de Joaquín Costa 

22
  • A empresa Garocaprim repara os danos que ocasionara a instalación dunha grúa nesta zona verde tralo desprendemento da medianeira dun edificio lindeiro durante a época de temporais de chuvia e vento
  • O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, explica que unha vez que se optimicen tódalas áreas de céspede, procederase á plantación de máis especies arbustivas neste parque, que será bautizado co nome da mestra Daría González (colocarase unha placa para homenaxeala)

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está a acometer nestes días traballos de axardinamento e arranxo de desperfectos no coñecido como parque da Palmeira, situado na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro e pechado ao público por mor das obras de mellora paisaxística e de creación de áreas de estancia e sombra que se están a levar a cabo neste espazo verde. Os traballos, que executa a empresa adxudicataria Garocaprim SL, céntranse no acondicionamento de tódalas áreas de céspede e na reparación dos danos ocasionados pola grúa que se instalara nesta zona verde a raíz do desprendemento e caída da medianeira dun edificio lindeiro.

Segundo sinala o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, “unha vez que rematemos estas tarefas para amañar e optimizar o estado das áreas verdes, a partir da vindeira semana procederemos á plantación de novas especies arbustivas”. “O novo parque -avanza o concelleiro de Desenvolvemento Sostible- será bautizado co nome da mestra Daría González, polo que temos previsto colocar unha placa co seu nome, seguramente nunha árbore que se situará de xeito simbólico do lado do camiño de pedra que dá cara a Joaquín Costa”.

O departamento que dirixe Puentes destinou unha achega económica de 48.546,30 euros a esta actuación, que se traduciu na posta en valor dos elementos preexistentes e na integración do parque na contorna coa creación dun camiño que artella o espazo de oeste a leste. O proxecto potenciará a beleza desta zona verde coa dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno.

A intervención logrou incrementar a capacidade de acollida e confort deste espazo verde, coa finalidade de convertelo nun punto de encontro e socialización comunitaria dotado de áreas de estancia con mesas e bancos de madeira. Os traballos realizados incluíron o refino do chan coa eliminación manual e mecánica de pedras e outros materiais, a nivelación do terreo e a eliminación de vexetación; a instalación de bancos accesibles que quedarán distribuídos entre as árbores, así como dun banco de obra en forma de semicírculo; a xeración dunha zona de xogo libre para os nenos e nenas arredor do outeiro coroado pola palmeira, e a creación dun camiño de terrizo e xabre granítico que artella o espazo oeste-leste, tendo como referencia visual a fonte e a palmeira.

Xeración de zonas de sombra

Tal e como explica Iván Puentes, dado que no parque da Palmeira de Joaquín Costa se apreza un notable déficit de sombra, “co obxectivo de dar resposta ás demandas da veciñanza e de garantir unha boa relación entre zonas de sol e de sombra, a proposta de plantación de arborado incorpora especies coherentes coas existentes, esencialmente cipreses comúns, magnolias tulíperas e acacias”. Asemade incorporaranse diversas especies arbustivas e vivaces que garantan unha axeitada calidade paisaxística ao longo de todo o ano.

O proxecto tamén contempla a instalación de rega por goteo en zonas arbustivas do noiro e de aspersión no céspede, mentres que as franxas máis estreitas se resolverán mediante rega con difusores (por ser as opcións máis axeitadas e sustentables). Porase en funcionamento un sistema de rego automatizado mediante o soterrado de tubarias e acondicionamento con estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central.

En opinión do portavoz municipal do PSOE, o novo parque de Daría González ten “unha relevancia estratéxica para o desenvolvemento do barrio da Eiriña, xa que se atopa nunha das bolsas de solo urbanizable máis importantes do centro de Pontevedra”. “Esta actuación enmárcase nun conxunto de proxectos que estamos a desenvolver nesta parte da cidade, entre os que se inclúen a reforma integral de Amalia Álvarez (60.000 euros) e a creación dun novo parque na pas-arela de José Adrio, en 12 de Novembro, cun investimento de 500.000 euros por parte de Concello e Deputación. Actuacións que suman máis de 600.000 euros e que optimizarán a dispoñibilidade de espazos de lecer e de zonas verdes, así como a calidade de vida dos veciños e veciñas que habitan nos barrios da Eiriña e A Parda”, asegura Iván Puentes.