As obras do novo hospital de Montecelo precisan para continuar da modificación do percorrido da Liña 2 do Bus Urbano de Pontevedra 

94
O Concello atendeu a solicitude da empresa que traballa nesta obra á hora de pechar un carril de circulación do viario que vai desde o Príncipe Felipe ao CIFP Carlos Oroza
No sentido Praza de Galiza-Rúa Alemaña non hai restricións, pero no percorrido de baixada o bus deberá dar unha pequena volta e ir até Pontevedra pola avenida de Lugo
Namentres duren as obras, quedarán inhabilitadas as paradas —no trazado de baixada— de Cidade Infantil, Moldes e San Amaro 

O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, deu conta esta mañá de xoves, 16 de febreiro, dunha solicitude chegada desde a UTE que está a construír o novo hospital de Montecelo na que se pedía o peche dun carril de circulación de vehículos entre a rotonda do Príncipe Felipe a baixada ao CIFP Carlos Oroza, «é dicir, a fronte toda que se está a executar».

Así, o concelleiro explicou que si se restrinxirá a circulación nunha vía que é municipal baixo as tres condicións emitidas polos servizos técnicos do Concello de Pontevedra:

  • Contar co visto bo da xerencia de Montecelo, ao ser o acceso principal para este equipamento
  • Garantir que podía seguir funcionando o transporte público que pasa por alí, é dicir, a Liña 2
  • Facer a correcta sinalización e balizamento da zona

Seguindo as palabras de Gómez, a empresa respondeu a estas tres condicións de xeito positivo e a partir do día 23 de febreiro, permanecerá un carril pechado neste trazado, polo que só se poderá circular na dirección Príncipe Felipe-Montecelo.

Cambios ruta bus urbano

«A principal afectación que terá para a veciñanza do Concello de Pontevedra é o funcionamento desta nomeada Liña 2, que sube a Monte Porreiro e pasa por Montecelo. A nós parecíanos imprescindíbel manter o servizo destes veciños e veciñas, polo que se falou coa empresa e estudamos xunto cos técnicos municipais as diferentes opcións dispoñíbeis», indicou o concelleiro. «Ao final, a liña continuará exactamente como está no sentido Praza de Galiza-Rúa Alemaña, séguese indo exactamente igual, mais para volver de Montecelo á Praza de Galiza, o bus subirá até a rotonda de entrada de Montecelo, diante do hospital, dará a volta, baixará até Santa Margarita e virá a Pontevedra pola avenida de Lugo».

Trátase dun cambio no trazado que engadirá algo máis de percorrido, «mais non debería ser moito máis tempo», aínda que si afectará a tres paradas de xeito evidente, como son as de Cidade Infantil, Moldes e San Amaro, que no sentido Monteporreiro-Praza de Galiza quedarán inutilizadas durante o tempo que dure a obra do hospital. «Subir sube igual, pero baixa pola Avenida de Lugo, en resumo, tendo en conta que así seguiremos permitindo que os veciños de Monte Porreiro poidan seguir tendo este servizo».