A Festa do Caldo Galego de Mourente recupera a súa degustación popular trala pandemia nunha XXXI edición que se celebrará na fin de semana do 11 e o 12 de marzo

75
  • A receita da Asociación de Veciños O Castro para este evento, impulsado en colaboración coa Concellería de Promoción Económica, será elaborada en 14 olas e 8 tarteiras de 60, 80 e 100 litros, e levará 299 kilos de carne de tenreira, 84 de lacón, 160 de panceta, 210 de orella, 120 de morro, 60 de cacheira, 70 de chourizos, 60 de galiñas, 100 de espinazos e caparazóns de polos, 10 de fabas, 390 de patacas e 2 de unto, así como 920 monllos de grelos e nabizas e 90 repolos
  • Instalaranse dúas grandes carpas con mesas e cadeiras, nas que os asistentes poderán degustar cuncas de caldo a 2,5 euros en tazas de barro xeografiadas e cazolas de barro de carne de tenreira e de porco (panceta, orella, lacón e un chourizo), patacas, grelos e pan, por 6 euros (levando a cazola como agasallo)
  • O sábado 11 ás 12:00 horas terá lugar a tradicional imposición de capas e medallas aos novos cabaleiros de damas da Orde do Caldo fronte á Capela de Santa Margarida, ante o Carballo centenario, coa actuación do grupo Os Alegres de Mourente

Unha das citas por excelencia do calendario gastronómico por excelencia, a Festa do Caldo Galego de Mourente, regresa este ano con máis forza e sabor que nunca nunha XXXI edición que, tras estes anos marcados pola pandemia, recupera novamente o seu formato habitual e a súa multitudinaria degustación popular no lugar de Os Areás. O evento, organizado pola Asociación de Veciños O Castro, celebrarase o sábado 11 e o domingo 12 de marzo, contando con dúas grandes carpas con mesas e cadeiras para albergar a tódolos asistentes en caso de mal tempo, de xeito que poidan estar cómodos e saborear tanto o caldo galego na súa taza de barro xeografiada co nome da festa como a cazola de barro con carne de porco, tenreira, chourizo, patacas e grelos.

A festa gastronómica rende homenaxe a un dos alimentos máis importantes de Galicia en diferentes épocas, un prato exquisito, de sabor e olor inconfundible. O caldo que se preparará seguirá a vella tradición, con elementos imprescindibles como auga de boa calidade, pataca, carne e verduras (fabas, grelos e repolo), todo do país e de primeira calidade.

Entre os víveres encargados para esta Festa do Caldo Galego de Mourente inclúense 299 kilos de carne de tenreira, 84 de lacón, 160 de panceta, 210 de orella, 120 de morro, 60 de cacheira, 70 de chourizos, 60 de galiñas, 100 de espinazos e caparazóns de polos, 10 de fabas, 390 de patacas e 2 de unto, así como 920 monllos de grelos e nabizas e 90 repolos. Para cocer estas cantidades de carne empregaranse 14 olas e 8 tarteiras de 60, 80 e 100 litros.

Á marxe dos membros da directiva da asociación veciñal, serán necesarias máis de 40 persoas para preparar todos estes ingredientes, pelando e picando patacas, limpando e picando a verdura, as carnes, os chourizos… Trátase de persoas da parroquia de Mourente que prestan a súa colaboración e axuda, realizando estes labores desde as 11:00 horas do sábado ata altas horas da noite e comezando a elaborar o caldo ás 2:00 horas da madrugada que estea no seu punto ás 12:00 horas do domingo.

A cunca xeografiada, que os asistentes poderán levar a casa, venderase a 2,5 euros, mentres que a cazola de barro con carne de tenreira, porco (panceta, orella, lacón e un chourizo), patacas, grelos e pan terá un custe de 6 euros (levándoa tamén como agasallo). A organización convidará a unha taza de caldo a tódolos peregrinos acreditados que pasen ese domingo por Pontevedra e se acheguen ata a festa.

A cita gastronómica foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes; o presidente da Asociación de Veciños O Castro e da Festa do Caldo, Santiago Laya; o vicepresidente do colectivo veciñal, Carlos Riveiro Pazo; o seu secretario, Jacobo Veiga; o presidente da Orde do Caldo Galego, Antonio Reguera Repiso; o seu tesoureiro, Luis Fernández Barreiro, e o confrade Carlos Guardado. “Para min é unha enorme satisfacción -asegurou Yoya Blanco- poder dicir que a pandemia quedou atrás e que a Festa do Caldo se celebrará no lugar que corresponde e coa degustación aberta a tódolos veciños e veciñas. O ano pasado fixemos só o acto de imposición de capas na Praza de España con moitísimas confrarías de fóra, para non perder o ritmo deste evento gastronómico, pero o lugar da festa, onde naceu, é Mourente. O que queira caldo quente que pase por Mourente”.

O director da Residencia de Campolongo e o xefe do Servizo de Cultura e Festas do Concello, entre os novos cabaleiros da Orde do Caldo

O programa de actividades desta XXXI edición da Festa do Caldo abrirase o sábado 11 de marzo coa tradicional imposición de capas e medallas aos novos cabaleiros e damas da Orde do Caldo, fronte á Capela de Santa Margarida, ante o Carballo centenario, na que actuará o grupo Os Alegres de Mourente. Segundo avanzou Santiago Laya, “este ano, como todos, son seis as persoas convidadas, das que xa nos confirmaron a súa asistencia Javier Porras, policía de Vilagarcía e delegado de Vítimas do Terrorismo; José Luis Sarandeses, xefe do Servizo de Cultura e Festas do Concello e de Turismo de Pontevedra; Juan José López Peña, director da Residencia de Maiores de Campolongo, e José Luis Villanueva Vicente, patrón maior dos mariscadores de Carril”.

Posteriormente, ás 13:00 horas, realizarase unha visita ao monumento e ao local social, onde se servirá un viño galego degustando unha mostra dos ingredientes do caldo, como lacón, orella e cacheira, para abrir apetito antes do almorzo cos novos cabaleiros e damas da Orde de 2023. A partir das 20:00 horas haberá actuacións das orquestras Costa Dorada e Grupo Ritmo.

A festa retomará o pulso o domingo 12 ás 12:30 horas co recibimento de autoridades e a presentación, a cargo de José Manuel Fernández González ‘Manolito’, das autoridades e confrarías convidadas de España e Portugal. Ás 13:00 horas Antonio Barros, cantante e gañador de Cantareiros da TVG, dará lectura ao pregón, dando paso primeiro a unha interpretación da canción dedicada ao caldo de Mourente e Pontevedra da cantautora María do Ceo e, despois, á imposición do Pote de Prata ás dúas persoas homenaxeadas da parroquia: Florentino Santos Freijeiro e Antonio Cajiao Barroso, colaboradores da festa desde os seus inicios.

A partir das 14:00 horas abrirase o tempo para degustar o caldo galego e almorzar, con actuacións de grupos folclóricos con música galega e portuguesa, entre eles o de Penafiel e Lagares, composto por 40 bailaríns; A Cabeza non Para; Foula; a coral Voces Amigas de Mourente, e Os Alegres.

O presidente da Orde do Caldo subliñou que, despois da proclamación de 148 cofrades ao longo destes anos, “a continuidade da Festa do Caldo, que é de Interese Turístico de Galicia, se lles debe ao esforzo dun grupo de persoas e veciños”, polo que resulta fundamental que a xente moza tome o relevo e garanta a súa supervivencia. Antonio Reguera agradeceu a Yoya Blanco que se entregara “en corpo e alma” con este evento, sabendo “recoñecer que o turismo é o máis importante para os ingresos da cidade”. “Pontevedra non pode perder a Festa do Caldo. É unha das festas máis importantes que temos nesta cidade”, engadiu Reguera.