A Diana do Amor reparte 2.500 euros e un centenar de rosas entre os amantes do comercio local para celebrar San Valentín

28
  • Os concelleiros socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco achegáronse ata a Praza da Peregrina para probar sorte coas frechas de Cupido, no marco da campaña impulsada pola Concellería de Promoción Económica para promover as compras no comercio de proximidade

Con algo menos de puntería que Cupido, pero tan namorados das súas respectivas parellas como de Pontevedra e do seu comercio local, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e a concelleira Yoya Blanco, quixeron probar esta mañá sorte coas frechas do fillo de Venus e Marte na Diana do Amor instalada na Praza da Peregrina no marco da campaña de San Valentín impulsada pola Concellería de Promoción Económica. Os clientes das tendas e negocios de proximidade adheridos que están a pasar pola tenda con forma de haima na que se atopa a diana neste Día dos Namorados, teñen ocasión, amosando tíckets de compras por importe igual ou superior a 15 euros, de poñer a proba a súa puntería e de facerse con atractivos agasallos: no caso de acertar no corazón central, un vale de 50 euros para trocar por produtos e servizos nos establecementos participar, e se lle dan a algún dos outros corazóns, unha romántica rosa.

A campaña, organizada en colaboración coa firma Pontevedra Dixital, ofrece un total de 50 vales de 50 euros (2.500 euros en premios) e un centenar de rosas. A concelleira de Promoción Económica animou aos pontevedreses “a aproveitar este Día dos Namorados para mercar no comercio local e pasar despois pola Praza da Peregrina para probar sorte coas frechas de Cupido”.

“Se non esgotamos antes as existencias -apuntou Iván Puentes-, a Diana do Amor quedará instalada aquí ata as 19:00 horas. Como acontece no amor, hai un corazón agardando para cada amante do comercio local, neste caso literalmente, xa que só se entrega un vale de 50 € por persoa”.

Esta iniciativa de dinamización por San Valentín, á que se sumaron uns 500 establecementos, estivo destinada aos negocios de proximidade do concello de Pontevedra, incluíndose nesta edición como novidade ás perruquerías e centros de uñas e quedando excluídos supermercados, tendas de alimentación en xeral, grandes cadeas de tendas ou franquías, empresas de servizos en xeral e bazares.