A cidade volve situarse na órbita do billar de elite coa celebración do seu II Open de Bola 9 esta fin de semana

213
  • O torneo, organizado polo club Pool Pontevedra en colaboración coa Concellería de Deportes, prevé a inscrición de 48 xogadores, entre os que estarán a cinco veces campioa de España Estrella Fazanes, o ex campión de Europa e de España Antonio Fazanes, gañador da primeira edición, e o campión galego de Bola 8 en 2022, Daniel Román Garrido

Pontevedra volverá situarse na órbita do billar de elite entre os vindeiros días 17 e 19 de febreiro coa celebración do seu II Open Cidade de Pontevedra de Bola 9. O torneo, organizado polo billiard club Pool Pontevedra en colaboración coa Concellería de Deportes, xa conta con 40 xogadores inscritos, se ben está previsto chegar aos 48 (16 máis que na primeira edición), que competirán polas 12 prazas da grella final que se desputará o domingo a partir das 16:00 horas.

A competición dará comezo na tarde do venres 17, ás 16:00 horas, e desenvolverase na modalidade de dobre KO europeo, é dicir, a 6 partidas gañadas. Estruturase en 3 grellas de 16 xogadores cada unha, clasificándose para a final do domingo os 4 mellores de cada unha das grellas. Esta grella final de 12 xogadores (con KO directo) desputarase a 7 partidas gañadas.

Trátase dun torneo carácter internacional, pois nel participarán tamén xogadores de Portugal, e que contará con figuras de grande nivel e recoñecemento dentro desta disciplina, destacando a presenza da xogadora Estrella Fazanes, campioa de España en cinco ocasións e que retoma a súa actividade no billar logo dun tempo inactiva. Tamén tomarán parte neste II Open Cidade de Pontevedra Antonio Fazanes, gañador da primeira edición, ex campión de Europa, de España (en cinco ocasións) e de Galicia; Daniel Román Garrido, campión galego de Bola 8 en 2022 e xogador do club Pool Pontevedra.

Asemade, o torneo, que terá lugar na sede do club Pool Pontevedra (rúa Villafranca, 15), ten entre os seus inscritos a varios xogadores que se atopan nos primeiros postos do ránking galego desta tempada, como Damián Ramírez Estévez, xogador e presidente do club Pool Pontevedra; o portugués Telmo Torres, e outros xogadores destacados do pool galego.

A competición, que foi presentada esta mañá no Concello nun acto que contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente do club organizador, Damián Ramírez, e o seu secretario, Jesús Portela, será retransmitida en streaming na canle de Youtube do Pool Pontevedra, na que se poderán seguir as partidas en directo, e tamén na plataforma online de Cuescore (https://cuescore.com/). Segundo apuntou o tenente de alcalde, “o billar vaise consolidando deste xeito no calendario de actividades deportivas da cidade”, cunha característica “que o diferencia deses deportes de masas: axuda a empatizar, a coñecerse, a botar unhas risas, a falar… En definitiva, a pasalo ben”. “Por iso é tan importante para nós, tanto desde o eido do deporte como desde o da saúde, onde tamén queremos ser un referente”, sinalou Fernández.

Visita do campión do Mundo de Bola 9 o vindeiro mes

Jesús Portela subliñou que “a de Pontevedra é unha das provincias de España con maior número de licenzas de billar”, o que pon de manifesto “o elevado nivel competitivo desta provincia”. O secretario do Pool Pontevedra avanzou que o campión do Mundo de Bola 9 no campionato que vén de celebrarse en Polonia, o español Francisco Sánchez Ruiz, estará en Galicia o vindeiro mes “e achegarase ata o club para facernos unha visita, o que nos fai unha ilusión tremenda”. “Trátase do Messi do billar. Leva dous anos a un nivel incrible”, asegurou Portela.