O Concello de Pontevedra homenaxeará os mariñeiros do Villa de Pitanxo no aniversario da traxedia 

17
Este sábado, 18 de febreiro, ás 12 horas, no Gremio de Mareantes, está previsto un acto homenaxe que incluirá a instalación dunha placa que lembrará a todas as vítimas do naufraxio 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, comunicou que o Concello de Pontevedra realizará este sábado, 18 de febreiro, ás 12 horas, no Gremio de Mareantes, unha homenaxe aos mariñeiros do Villa de Pitanxo, a nave galega afundida fará un ano este 15 de febreiro.

«Queremos amosarlles o noso agradecemento ás familias destes mariñeiros, familias que se puxeron en contacto a través da súa voceira co Concello de Pontevedra para promover e axudar na organización deste acto no que estarán implicados todos os concellos que contaron con algún veciño falecido nesta desgraza», indicou Gulías. «Non podemos facermos máis que poñernos ao dispor das familias e, como non, acompañamos na súa dor, nunha dor que aínda segue por non ter os restos das persoas desaparecidas».

A edil lembrou que haberá outros actos programadas noutros puntos ao longo dos vindeiros días e que a data desta homenaxe en Pontevedra foi consensuada coas familias. A homenaxe virá acompañada da instalación dunha placa —igual en todos os municipios que fan o acto de lembranza e honra— na que se nomean, con nome a e apelidos, a todas as persoas que perderon a vida nesta traxedia. 

«Desde o Concello queremos darlles a nosa máis agarimosa aperta as familias de Rogelio e Edemon, os veciños pontevedreses que a cidade perdeu neste naufraxio, e que seguen repoñéndose das consecuencias deste incidente», sinalou Gulías.

Nun principio, a placa será instalada nas inmediacións do porto, nun acto que contará coa intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os familiares dos mariñeiros.