Unha enquisa cidadá online permitirá que os pontevedreses decidan a quen renderá tributo a escultura que se instalará no parque de Pasarón trala súa remodelación

160
  • O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, promove unha sondaxe a través da páxina web do Concello na que os pontevedreses poderán determinar a que figura histórica do Pontevedra CF ou personalidade destacada na traxectoria do club se dedicará a peza escultórica
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que investirá uns 400.000 euros no proxecto de remodelación integral do parque da rúa Luís Otero, aproveitará o partido que enfrontará aos granates contra o Ceuta o domingo 26 de febreiro para iniciar a distribución duns dípticos nos que se convida á xente a participar
  • Participa na enquisa entrando en https://apuntate.pontevedra.gal/enquisa-escultura-parque-de-pasaron/ ou premendo no código QR que poderás atopar na páxina web do Concello de Pontevedra e poñendo o nome da persoa que cres que mellor simboliza o espírito do club

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural decidiu promover unha enquisa online para que a cidadanía poida decidir a que figura histórica ou personalidade destacada na traxectoria do Pontevedra CF renderá tributo a estatua que se instale no novo parque de Pasarón, unha vez que se executen as obras de remodelación integral deste espazo. Deste xeito, e seguindo a filosofía de participación cidadá coa que foi deseñado o proxecto de reforma da zona verde situada na rúa Luís Otero (na parte norte do estadio de fútbol), os pontevedreses poderán participar na sondaxe a través da páxina web do Concello, indicando o nome da celebridade granate á que, na súa opinión, debería dedicárselle esta peza escultórica.

A instalación dunha pequena escultura en material metálico, pedra ou sintético, relativa a algunha figura ou personalidade destacada na historia do Pontevedra CF está contemplada no anexo de melloras do plan impulsado polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, para remodelar este parque do barrio do Burgo, duplicar a superficie destinada a xogos infantís, substituír o estanque actual por un xardín de choiva, construír unha pista multideporte e crear unha nova zona de paseo para cans. Tal e como subliña Puentes, “dándolle continuidade á nosa aposta por xerar parques singulares, con personalidade propia e certo carácter didáctico, nesta intervención decidimos optar por unha tematización de diversos elementos arredor da historia do Pontevedra Club de Fútbol”.

E dado que o proxecto foi o resultado dun procedemento de participación cidadá no que se recibiron máis dun centenar de peticións e suxestións e que permitiu deseñar a reforma ‘á carta’, incluíndo nel moitos dos desexos expresados pola veciñanza, o desexo do concelleiro socialista é o de implicar aos pontevedreses nesta decisión. “Imos aproveitar o partido que enfrontará o domingo 26 de febreiro ao Pontevedra CF contra o Ceuta para comezar a distribuír un díptico no que convidamos á xente a participar na páxina web do Concello de Pontevedra”, avanza Iván Puentes.

O proxecto de remodelación redactado pola firma Acroa, que se acometerá nunha parcela duns 3.500 metros cadrados de superficie, formula a dotación dun espazo para cans, a instalación dun novo parque infantil especificamente deseñado para a rapazada de diferentes rangos de idade e mobilidade e dunha zona deportiva de ‘street fútbol’ de 13 x 8 metros (con piso rematado en céspede artificial) e a construción dunha zona deportiva tipo calistenia, así como a aplicación de criterios de sostibilidade e adaptación ao cambio climático, como a elección de determinadas especies vexetais, o emprego de materiais reciclados ou a incorporación de sistemas naturais de drenaxe e xestión da auga. A Concellería de Desenvolvemento Sostible investirá uns 400.000 euros nesta intervención, que ten un prazo de execución de seis meses desde o inicio das obras (o Concello prevé poñer en marcha a licitación no mes de marzo).

Un anfiteatro e un circuíto de calistenia

O parque está situado na zona norte do estadio de Pasarón, na rúa dedicada ao defensa Luís Otero Sánchez-Encinas, un dos primeiros xogadores da Selección Española, medalla de prata en Amberes 1920 e cunha vida ligada ao desenvolvemento do fútbol en Galicia, pois xogou nos equipos máis destacados da época de Pontevedra, Vigo e A Coruña. Logo duns 20 anos desde a construción desta zona de lecer, Iván Puentes considera prioritaria unha reforma integral, coa instalación de novos elementos de xogo e unha ampliación de superficie que dea resposta ao crecemento do barrio do Burgo.

Ademais de xerarse espazos de socialización comunitaria mediante a creación de lugares de encontro e realización de actividades lúdicas, coa instalación de áreas de estancia mediante a construción dun pequeno anfiteatro, tamén se crearán varios camiños e praciñas intermedias que conectarán os diversos espazos do parque, tendo a zona de xogos infantís e o anfiteatro como principais referencias visuais.

A zona de xogos infantís ocupará unha área de 425 metros cadrados pechada en todo o seu perímetro, dotada de pavimento amortecedor e coa instalación dos seguintes elementos: columpios, balancíns de tipo resorte con capacidade para varios usuarios, un xogo de rotación, dous pórticos de columpios e dúas torres de xogo (tanto para maiores como para cativos). A distribución concreta por áreas será a seguinte (de obrigado cumprimento para a empresa que resulte adxudicataria):

  • Zona dedicada a maiores de 6 anos, na que se instalará un conxunto de columpios formado por un de tipo cesta múltiple e dous de tipo individual, así como un xogo de tipo torre que dispoña de, polo menos, dúas pistas de tobogán con alturas de desembarque entre 2 e 6 metros.
  • Zona destinada a menores de 6 anos, na que se instalarán dous columpios individuais, dous balancíns, un xogo xiratorio e unha estrutura tipo torre que dispoña de, polo menos, unha pista de tobogán, rede de escalada, plataforma e escada.

Será obrigatorio que alomenos un elemento de xogo conte con criterios de accesibilidade universal, debendo ser este dinámico ou que xere movemento ao introducirse no seu interior.

En base ao prego de condicións técnicas do proxecto, o acabado do piso do parque será realizado en céspede artificial e, no exterior da zona de xogos infantís, preto da pista de ‘street fútbol’, instalarase tamén unha tirolina. Dada a crecente demanda deste tipo de instalacións, tamén se creará un circuíto de ‘streetworkout’, tipo calistenia, composto por ata dez estacións de adestramento, na zona leste do parque.

240 metros cadrados para o paseo de mascotas

Consciente da crecente demanda de infraestruturas que dean cobertura ao paseo de mascotas (o Concello acaba de inaugurar unha zona para cans en Monte Porreiro), habilitarase un parque canino duns 240 metros cadrados no sueste deste espazo verde, delimitándoa mediante un peche de malla de simple torsión, e que contará con elementos de adestramento para agility de tipo salto. O proxecto tamén suporá unha tremenda mellora no que atinxe ás condicións de acollemento do parque de Pasarón, incrementando de xeito substancial o mobiliario urbano: colocaranse dez bancos e tres mesas de tipo picnic, así como un banco voadizo duns 18 metros de lonxitude no muro do parque infantil, e dotarase o espazo con tres papeleiras, tres fontes e seis aparcabicicletas.

No anexo de melloras do proxecto de remodelación integral do parque da rúa Luís Otero tamén se propón a instalación dunha papeleira, unha fonte e un banco, coa finalidade de mellorar aínda máis a capacidade de acollida deste espazo, así como a dotación de tres farois e dunha columna duns 8 metros para unha óptima iluminación do parque, e o subministro e instalación dun punto de recarga nas súas inmediacións.

A axeitada recollida e condución das augas pluviais, así como o correcto manexo e tratamento das augas de escorrentía, constitúen aspectos fundamentais deste proxecto, e neste sentido, optarase por derivar as pluviais cara a un xardín de auga, ao estilo dos existentes en cidades como Vitoria, que recollerá a maior parte das augas dos pavimentos duros e que permitirá conservar o ciclo natural da auga no parque.