Os máis pequenos chegarán ao espazo da man do Ganapán con canas de chocolate e pan doce como provisións

29
  • O programa de lecer infantil impulsado pola socialista Yoya Blanco, destinado a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, propón talleres de elaboración de canas de chocolate e vatrushkas para o sábado 11 e o domingo 12 de febreiro 
  • Os rapaces participantes terán ademais a oportunidade de confeccionar unha nave extraterrestre e un foguete espacial nos obradoiros que se desenvolverán no Gastroespazo do Mercado de Abastos

O Mercado de Abastos acollerá esta fin de semana unha nova edición do programa de lecer infantil O Ganapán, destinado a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos e impulsado pola Concellería de Promoción Económica. Nesta ocasión, a rapazada participante terá a oportunidade de aprender a elaborar dúas deliciosas receitas doces cun guiño á Europa Oriental: unhas canas recheas de chocolate e unhas vatrushkas, uns pans doces típicos dos países do Leste.

Asemade, os pequenos terán ocasión de chegar ao espazo nesta nova quenda do Ganapán, grazas a uns obradoiros nos que aprenderán a confeccionar unha nave espacial cun extraterrestre aos mandos e un foguete espacial; dous xoguetes cos que poder divertirse unha vez finalizadas as actividades gastronómicas. Segundo lembra a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “os talleres celebraranse o sábado 11 e o domingo 12 de febreiro no horario habitual, de 11:30 a 13:30 horas, no Gastroespazo do Mercado de Abastos”.

“Tódolos rapaces e rapazas que desexen tomar parte nas actividades -sinala a socialista- deberán reservar previamente a súa praza a través do email oganapan@gmail.com, indicando na mensaxe as posibles alerxias ou intolerancias. Aconsello, como sempre, que todos porten a súa friameira para poder levar a casa as receitas realizadas”.