O Concello repasa coa asociación de veciños de Verducido o trazado das tubaxes de saneamento que se están a instalar na parroquia 

33
Os concelleiros Pilar Comesaña e Alberto Oubiña mantiveron unha nova reunión co presidente do colectivo este mércores, intre no que se lle fixo entrega dos planos do proxecto impresos
O proxecto está ralentizado á espera de que algúns veciños formalicen o permiso para actuar nás súas fincas e así pechar e poñer en funcionamento a rede de saneamento en Verducido 

A concelleira da parroquia de Verducido, Pilar Comesaña, xunto co edil e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, mantiveron esta mañá unha reunión co presidente da asociación de veciños de Verducido, Javier Goldar, na se que lle fixo entrega dos planos de saneamento da parroquia impresos, tal e como fora solicitado, para telos a disposición da veciñanza no seu local social. Estes documentos amosan con exactitude os trazados das tubaxes de saneamento que xa pasan ou pasarán pola parroquia, e que xa foran remitidos a cada vivenda e explicados na última xuntanza celebrada ao redor deste tema, o pasado 30 de xaneiro.

O Concello de Pontevedra lembra que na actualidade a obra segue a avanzar, mais está ralentizada nalgún punto onde uns poucos veciños non formalizaron aínda o permiso para actuar nos seus terreos co fin de permitir o paso da rede de saneamento para así completar o circuíto previsto. No intre no que se realice esta acción, as actuacións poderán seguir con normalidade. Nese sentido, a asociación de veciños de Verducido comprometeuse a colaborar co Concello á hora de identificar estes terreos xunto cos seus donos e así poder avanzar no proxecto. 

Cómpre sinalar que varias vivendas da parroquia xa contan na actualidade co servizo en funcionamento.

O compromiso do Concello á hora de continuar realizando investimentos no rural pontevedrés neste eido é firme, ao considerar que a ampliación das redes de saneamento e abastecemento das parroquias é un piar fundamental para o futuro; unha aposta que xa cristalizou nun investimento de máis de 55 millóns de euros en actuacións que se corrresponden con proxectos relacionados co ciclo da auga.