Parques e Xardíns executa as obras de acondicionamento do pavimento da Alameda de cara ao traslado da feira ambulante

20
  • Os traballos da Concellería de Desenvolvemento Sostible céntranse no recheo de fochas da zona de acceso ao parque máis próxima a El Cafetín, a entrada a nivel na que se producen máis empozamentos e lameiros durante os días de choiva

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a executar unha serie de traballos de acondicionamento que permitirán mellorar o estado do pavimento de cara ao agardado regreso do mercadillo ambulante ao centro da cidade. As obras do departamento que dirixe o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, estanse a centrar no arranxo e recheo da zona de acceso próxima a El Cafetín e o ambulatorio Virxe Peregrina, é dicir, a entrada a nivel existente desde a rúa Alameda e empregada para o acceso de vehículos durante a celebración das festas.

Tal e como sinala Puentes, “trátase dun espazo no que se producen lameiros e empozamentos de auga durante os días de choiva, o que dificulta a utilización do chan”. Asemade, Parques e Xardíns tamén levará a cabo labores de conservación ordinaria para controlar a aparición de maleza e de herba nas zonas perimetrais e de mantemento xeral das árbores. “Mediante un recheo das fochas a base de xabre e grava, deixaremos todo impecable para que vendedores e clientes teñan o chan en condicións óptimas para desfrutar do regreso do mercadillo ambulante ao centro da cidade, nun espazo absolutamente privilexiado e infrautilizado nestes momentos”, subliña o portavoz municipal do PSOE.

Segundo apunta Iván Puentes, “a Concellería xa realiza habitualmente tarefas de mantemento da Alameda e, aproveitando que levamos máis de 15 días sen choiva e o chan está seco e podemos actuar nel, procedía facer este rebacheo e acondicionamento das zonas que quedaran máis deterioradas polas choivas precisamente para que isto non volva acontecer cando regresen as precipitacións”, o que permitirá que os veciños e veciñas que veñan mercar ao mercadillo “o poidan facer nas mellores condicións tanto se está un día de choiva como un día soleado”.

“A decisión política de trasladar o mercadillo ambulante segue adiante”

Neste sentido, a promotora do traslado, a súa compañeira Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, incidiu en que “toda vez que o informe da Policía Local non establece ningún impedimento para a nova ubicación da feira e nin sequera será preciso un plan de tráfico específico e contamos cos aparcadoiros disuasorios das Corbaceiras e Mollavao, así como co propio estacionamento da Alameda, exactamente igual que nas Festas da Peregrina, a Feira Franca ou outros eventos organizados (por certo, bastante máis concorridos que a feira), a decisión política de trasladar o mercadillo ambulante segue adiante”. “Nós seguimos a traballar. A literatura e as interpretacións deixámosllas aos demais. Hai que ver unha serie de cousas e agardamos que en breve, tralo Entroido, que xera moita afluencia de tráfico no centro da cidade, se poida producir ese traslado definitivo. Volvo remarcar que traer o mercadillo de Rafael Areses á Alameda faise polo ben dos ambulantes, xa que eles mesmos nos pediron este traslado, polo ben da cidadanía e para crear sinerxías co comercio local e a hostalería do centro da cidade, que están tan necesitados disto. Despois do 14 de febreiro e do Entroido, que será unha boa etapa para o comercio, chegará outra etapa moi boa co traslado da feira á Alameda”, subliñou a socialista.

Blanco lembra que a nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante do concello de Pontevedra, que irá ao vindeiro Pleno da Corporación municipal para a súa aprobación, “permite a creación e ubicación de mercadillos en máis lugares que Rafael Areses e Estribela, deixando polo tanto vía libre para que se poida ubicar na Alameda ou en calquera outro espazo que resulte axeitado”. “Pero mesmo coa actual Ordenanza -matiza a concelleira-, tal e como nos traslada o propio Servizo de Promoción Económica, bastaría cun pequeno cambio de emprazamento aprobado en Xunta de Goberno para que se poida mover á Alameda. É dicir, repito: non existe ningún impedimento para que se traslade o mercadillo ambulante á Alameda. A decisión de trasladar a feira é unha decisión política inalterable desta concelleira, estudada desde o inicio do mandato e que cobra máis forza coa posta en marcha das obras en Rafael Areses”.