A socialista Yoya Blanco convida aos pontevedreses a expresar o seu amor polo comercio local e a converterse en ‘cupidos’ nunha campaña de San Valentín que repartirá 50 vales de compra de 50 euros e 100 rosas

46
  • As frechas de Cupido axudarán a dinamizar as compras nas tendas e negocios de proximidade no marco da nova iniciativa da Concellería de Promoción Económica, que o día 14 de febreiro instalará na Praza da Peregrina unha Diana do Amor na que poderán poñer a proba a súa puntería aqueles clientes de establecementos adheridos que presenten tíckets por importe igual ou superior a 15 euros

As armas do amor por antonomasia, as enfeitizadoras frechas de Cupido, serán as protagonistas da nova campaña de San Valentín 2023 impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo co obxectivo de dinamizar as compras no comercio local de Pontevedra. No marco desta iniciativa, aqueles clientes das tendas e negocios de proximidade adheridos que realicen desde hoxe e ata o 14 de febreiro compras por importe igual ou superior a 15 euros poderán poñer a proba a súa puntería na Diana do Amor que se instalará na Praza da Peregrina durante o Día dos Namorados.

Así, todas as persoas que presenten os correspondentes tíckets de compra terán a oportunidade de lanzar unha frecha: no caso de facer diana no corazón central recibirán como agasallo un vale de 50 euros para trocar por produtos e servizos nos comercios participantes e se lle dan a algún dos outros corazóns obterán unha fermosa e romántica rosa. A campaña, que ofrecerá como premios un total de 50 vales de compra de 50 euros e un centenar de rosas, foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Concello pola socialista Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, nunha comparecencia na que estivo acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e por Marga Caeiro, responsable de Pontevedra Dixital, firma organizadora da iniciativa.

“Só se entregará un vale de 50 € por persoa e os premios distribuiranse de xeito directo, na Praza da Peregrina, o mesmo día de San Valentín, entre aqueles que teñan a puntería de Cupido. A Diana do Amor quedará instalada nunha tenda con forma de haima, en principio entre as 11:00 e as 19:00 horas, se non se esgotan antes as existencias”, explicou Blanco.

Tal e como apuntou a edil do PSOE, “só poden formar parte da campaña os comercios de proximidade do concello de Pontevedra (os tíckets serán supervisados), incluíndose este ano como novidade ás perruquerías, e quedando por suposto excluídos supermercados, tendas de alimentación en xeral, grandes de tendas ou franquías, empresas de servizos en xeral e bazares”. Tódolos establecementos adheridos disporán dun cartel promocional en tamaño A3 no que se explica a dinámica da iniciativa, que pretende aproveitar o tirón de San Valentín para potenciar as compras no pequeno comercio mediante atractivos incentivos.

“Convido a tódolos pontevedreses e pontevedresas a celebrar o Día dos Namorados e a expresar o seu amor polo comercio local converténdose eles mesmos en ‘cupidos'”, afirmou Yoya Blanco.

Pola súa banda, Marga Caeiro explicou que se contará con arredor de 500 negocios, nos que se engloba á totalidade do pequeno comercio local da cidade, agás os bazares e tendas de alimentación, e incluíndo por vez primeira a perruquerías e centros de uñas. Ademais, destacou que para participación dos establecementos o único requisito é ser unha pequena empresa, sen necesidade de pasar por un proceso de inscrición.

A3 CARTEL

Rotundo éxito da III edición de ‘O Mellor da Terra’ cunha afluencia dunhas 45.000 persoas, 10.000 máis que en 2022

A concelleira de Promoción Económica amosouse contenta e optimista ao facer balance da III Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’, subliñando a cifra récord acadada nesta edición, á que asistiron unhas 45.000 persoas. “Sen dúbida, haberá futuras edicións, xa que se trata dun evento consolidado dentro do calendario da marca Pontevedra Capital Gastro”, asegurou a socialista.

Un ano máis, a feira contou con pequenos produtores que non teñen capacidade para chegar a grandes superficies e que supoñen un piar imprescindible na economía galega, o que a converteu nunha atractiva exposición que deu a coñecer ao consumidor final unha ampla gama de produtos de proximidade de máxima calidade, non procesados, vitais e insubstituíbles, polo papel que desempeñan na saúde e o benestar do consumidor, no medio ambiente e no desenvolvemento da economía local. Os amantes dos manxares gourmet e delicatessen tiveron en ‘O Mellor da Terra’ unha cita na que puideron achegarse a produtos e produtores que resultan difíciles de atopar no circuíto habitual, moitos deles descoñecidos para o público xeral.

O éxito desta iniciativa, que ten como obxectivo dar visibilidade aos pequenos produtores da industria alimentaria, traduciuse en 10.000 asistentes máis que na edición anterior e nunha totalidade de 40 expositores participantes.