Marcos Rey clausura o curso da 3ª promoción da ‘universidade’ dos Bos Cidadáns Caninos

42
  • A pioneira formación impulsada pola Concellería de Benestar Animal e impartida polo club DivertiCans permitiu a 15 cans adultos e a 10 cachorros e aos seus donos e donas cuestións esenciais para o equilibrio e educación das mascotas, na busca dunha convivencia cívica entre humanos e animais

O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, presidiu esta tarde nas instalacións do club DivertiCans no lugar de Couso (Lérez) o acto de clausura da 3ª promoción do curso ‘Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina’, da que xa forman parte 15 cans adultos e 10 cachorros (de entre 3 e 8 meses) que, xunto cos seus donos e donas, completaron esta formación pioneira a nivel nacional. As aulas puxéronse en marcha a principios de novembro cos obxectivos de concienciar aos alumnos e alumnas desta particular ‘universidade de peludiños’ sobre as responsabilidades que implica o coidado das nosas mascotas, na busca dunha convivencia cívica entre humanos e animais, e de impulsar promocións de cans e cadelas equilibrados e ben educados.

Ao longo de tres meses (tódolos xoves de cada mes), e a través de contidos prácticos e teóricos, con apuntes en formato pdf e audiovisual, abordáronse cuestións básicas para o adestramento como as posicións de sentado e tumbado, non tirar da correa, a chamada, o cobro ou o olfacto. Aínda que ámbolos grupos se impartiron conceptos semellantes, as clases de cachorros prestaron especial atención á socialización, así como á prevención de calquera tipo de problema condutual.

Marcos Rey subliñou “o rotundo éxito desta facultade da Boa Cidadanía Canina, que permite que Pontevedra se converta pouco a pouco na cidade coas mascotas mellor educadas de España e, sobre todo, cos donos máis concienciados sobre a importancia de criar a cans equilibrados e dunha axeitada convivencia nos espazos públicos”.

OS CONTIDOS DO CURSO FORON OS SEGUINTES:

Introdución e valoración dos cans.
Indicarase aos asistentes o material recomendado: arnés en forma de H ou Y. Correa de paseo de 2 metros, correa para traballar a chamada de 10 metros, mochila e tipos de premios a empregar.
Práctica: clicker e fío ou luring.
Teoría: a dominancia.
Práctica: target estático e dinámico.
Teoría: os instintos (prestando especial atención ao instinto de caza).
Práctica: sentado e tumbado.
Teoría: órganos dos sentidos.
Práctica: quieto.
Teoría: comunicación canina I (escala de comunicación).
Práctica: non tirar da correa e traballo do xunto.
Teoría: comunicación canina II (escala de comunicación).
Práctica: a chamada I.
Teoría: o estrés e o medo I.
Práctica: a chamada II.
Teoría: o estrés e o medo II.
Práctica: o cobro.
Teoría: condicionamento clásico e instrumental.
Práctica: estimulación ambiental e propiocepción.
Teoría: habituación, inundación, desensibilización e contracondicionamento.
Práctica: agility.
Teoría: castigos e reforzamentos.
Práctica: olfacto.
Teoría: control polo estímulo e polo impulso.
Resumo, repaso, dúbidas e agradecementos.