Pontemóbil Ocasión despregará no Recinto Feiral unha oferta de máis 400 vehículos seminovos a prezos realmente competitivos

142
  • Aqueles que se acheguen ata o Recinto Feiral entre os días 10 e 12 de febreiro poderán facerse con ‘gangas’, tanto en utilitarios como en automóbiles de alta gama
  • A IV edición do salón dedicado aos coches de ocasión e segunda man, organizada por Sar Comunicacións en colaboración coa Concellería de Promoción Económica, contará con 16 expositores, entre os que se inclúen concesionarios oficiais da provincia como Detroit Móbil, Tilve Sport, Aelsa, Autos Sercar, Camelias Motor, Mourente Motor, Pérez Rumbao, Tambo Motor ou A y F Cars

A IV edición do salón Pontemóbil Ocasión, organizada pola firma Sar Comunicacións en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo, despregará este ano na nosa cidade unha insuperable oferta de máis de 400 vehículos seminovos a prezos realmente competitivos. O evento, que se desenvolverá no Recinto Feiral na fin de semana do 10 ao 12 de febreiro, contará con 16 expositores, entre os que se inclúen concesionarios multimarca da zona de Pontevedra como Detroit Móbil (Subaru Ssangyong, Mitsubishi), Tilve Sport, Aelsa (Opel), Autos Sercar, Camelias Motor (Jeep, Alfa Romeo, Honda), Mourente Motor, Pérez Rumbao, Tambo Motor (Seat), A y F Cars ou Autolunas Cristalería.

Aqueles que se acheguen ata o salón poderán atopar verdadeiras ‘gangas’, tanto en utilitarios como en automóbiles de alta gama, xa que os concesionarios participantes teñen preparados vehículos con posibilidade de venta inmediata, a prezos para tódolos bolsillos. Tal e como subliña a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “despois de tres exitosas edicións en 2018, 2019 e 2021, Pontemóbil Ocasión converteuse nun referente para a adquisición de vehículos, con ofertas de segunda man, coche usado, seminovo, km 0 ou de ocasión, coa presenza das principais marcas do sector”.

“Tras celebrarse na explanada exterior do Recinto Feiral en 2021 por mor da Covid-19, o salón regresa neste 2023 ao interior do Recinto. A venda de coches de ocasión, sexan seminovos, kilómetro cero ou usados, acapara unha boa parte do mercado de coches en España e en Galicia, especialmente neste contexto, no que a crise dos chips e as materias primas está provocando agardas de ata seis meses por un vehículo novo. Isto fai que Pontemóbil Ocasión sexa unha gran opción para adquirir un coche de xeito inmediato e con menos impostos”, explica Blanco.

O evento feiral abrirá as súas portas o venres 10 de febreiro pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, e permanecerá con horario continuo, de 11:00 a 20:00 horas, tanto o sábado 11 como o domingo 12 de febreiro. Na súa primeira edición, en marzo 2018, visitaron Pontemóbil Ocasión máis de 5.000 persoas e vendéronse máis de 90 vehículos, mentres que na segunda, en xuño 2019, foron máis de 4.000 os asistentes e máis de 100 os vehículos vendidos, e na terceira, en outubro 2021, a cifra de visitantes volveu superar as 5.000 persoas e foron adquiridos máis de 80 automóbiles.