Cabos Soltos volve abrir a inscrición de locais para seguir ofrecendo un paraugas á programación de ocio e cultura local 

29
Na actualidade o programa municipal conta con 33 locais que poden promover actuacións en directo de bandas de pequeno formato, amais de artistas plásticos, poetas ou monologuistas 

Cabos Soltos busca seguir ampliando a listaxe de establecementos inscritos a este programa municipal dirixido a promover a cultura emerxente da cidade e fortalecer o tecido económico local.

Na práctica, Cabos Soltos actúa como paraugas á hora de poder realizar actividades culturais e de ocio nos diferentes espazos hostaleiros da cidade, un sector clave á hora de promover as relacións locais e de crear emprego. A cultura de base, sexa na forma que sexa: música, pintura, humor, lírica… Require escenarios, por iso, a día de hoxe e grazas a Cabos Soltos, Pontevedra conta con máis de trinta establecementos que poden programar de xeito activo.

Logo de pechar a inscrición o pasado mes de outubro, o programa municipal volve permitir adherirse a todo aquel que o solicite e cumpra as condicións e coa documentación solicitada. Cómpre lembrar que todos os artistas da cidade tamén teñen o seu espazo en Cabos Soltos, podendo figurar na base de datos habilitada para promocionar o seu talento. 

No caso dos locais, é posíbel acceder ao formulario de inscrición desde esta ligazón ou desde a páxina oficial do programa https://cultura.pontevedra.gal/cabos-soltos/.

O Concello de Pontevedra quere animar a todos os locais hostaleiros a participar neste programa e que, perante a dúbida, se anoten polo si ou polo non por se no futuro a medio prazo deciden organizar ou programa algún evento deste tipo.