Os cans máis áxiles de Galicia volverán medir a súa velocidade e destreza en Lérez en dúas probas da Liga Autonómica de Agility e no Trofeo Cidade de Pontevedra da disciplina

    26
    • Os eventos, organizados polo club DivertiCans en colaboración coa Concellería de Benestar Animal, reunirán o sábado 4 e o domingo 5 de xaneiro a un centenar de animais e competidores pertencentes a clubs das catro provincias galegas

    Os cans máis áxiles de Galicia volverán medir a súa velocidade e destreza os días 4 e 5 de febreiro na Área Recreativa de Couso (Lérez) en dúas novas probas da Liga Autonómica de Agility, puntuables para o Campionato de España, e no Trofeo Cidade de Pontevedra, ámbolos eventos organizados polo colectivo DivertiCans en colaboración coa Concellería de Benestar Animal. Neles participarán un centenar de animais e competidores pertencentes a clubs das catro provincias galegas, como Ourencan (de Ourense), Canedupo (de Lugo), Lobos de Naraío e Costa Verdecente (de Ferrol), Cococan (de Coruña), Mascoguau (de Santiago), Wecan (de Nigrán), Thunderdogs (Pazos de Borbén) ou Patas (Moaña).

    As probas celebraranse o sábado 4 pola tarde, a partir das 16:00 horas, e o domingo 5 pola mañá, a partir das 9:00 horas. Tal e como apunta o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, “a entrada para desfrutar deste espectáculo será totalmente gratuíta”, podendo asistir a competicións de diversas categorías, de infantil e sénior ata iniciación e alta competición, “coa presenza confirmada de varios campións de España”.

    O agility é un deporte consistente en guiar aos cans para que percorran un circuíto cheo de obstáculos no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas, no que o animal debe entender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía, que terá que decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión. O concepto de agility para cans naceu en 1977, cando se propuxo a creación dunha actividade de entretemento diferente para o público que acudía a ve-las exposicións caninas en Inglaterra. A idea baseouse nas competicións de hípica.

    Dentro do agility existen tres categorías: S ‘Mini’ (pequena), para cans con menos de 35 centímetros de altura á cruz; M ‘Midi’ (mediana), para os que teñen 35 centímetros ou máis e inferiores a 43 centímetros, e L ‘Standard’ (grande), para os de 43 ou máis centímetros. Asemade, divídense en tres graos: Grao I, considerado o nivel básico ou elemental; Grao II, que corresponde a unha dificultade media, e Grao III, que constitúe o máximo escalafón da modalidade de Agility Rsce (Real Sociedade Canina de España).