Concello e Universidade da Coruña asinan un protocolo de colaboración para crear unha nova cátedra sobre espazo público 

18
A Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña formalizará deste xeito á relación que vén mantendo coa Boa Vila nos últimos meses, e que seguirá a utilizar como referente e marco para supostos reais de posíbeis actuacións e investigacións 

O Concello de Pontevedra acaba de asinar un protocolo coa Universidade da Coruña, en concreto coa Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, e que terá como idea central oficializar a colaboración entre a cidade pontevedresa e o alumnado da Escola, creando unha cátedra sobre o espazo público

A sinatura foi realizada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o reitor da UDC, Xulio Abalde Alonso. «Creo, humildemente, que Pontevedra é un exemplo a nivel internacional na transformación urbana coa base na recuperación do espazo público como unha infraestrutura social para mellorar a calidade de vida», sinalou o rexedor. «Levamos traballando nesta idea moito tempo, mesmo co de promocionar a cidade a través do modelo urbano, atraendo proxectos internacionais, económicos, universitarios… Pensemos na Placemaking Week que tivemos este pasado ano».

A partir deste ano 2023, segundo o indicado por Lores, cidade e universidade terán «unha relación máis intensa», que lle permitirá, ao alumnado da Escola, coñecer o modelo da Boa Vila, estudalo, investigalo e facer mesmo propostas do tratamento do espazo público onde sexa necesario. «Agardamos que os resultados sexan moi positivos e que teña continuidade no futuro», finalizou o alcalde.

Pola súa banda, Abalde indicou que o protocolo de colaboración «oficializa unha relación que até o de agora se viña facendo de xeito informal» e permitirá traballar e estreitar lazos cunha cidade «que é un exemplo estatal e internacional de transformación urbana». «Non é que o Concello teña que agradecer a colaboración, senón que é ao revés. É unha sorte establecer esta relación, facela estable, de xeito que os nosos estudantes poidan estudar o modelo e, dentro das nosas posibilidades, axudar a melloralo. Este protocolo inicial ten por obxectivo establecer esa relación intensa con actividades concretas, realizadas na cidade de Pontevedra, e sermos capaces de poñer en valor un proceso feito que é exemplo no mundo».

IMG 7221
Universidade e Concello apostan por oficializar a súa relación con este protocolo.

O director da Escola Técnica Superior de Arquitectura, Plácido Lizancos, explicou que traballarán «a todos os niveis». De feito, e tal e como contextualizou, xa levan traballando varios meses logo de lanzar varios temas de proxectos finais de carreira onde «os futuros profesionais da arquitectura de Galiza están a traballar sobre supostos localizados en distintos lugares da cidade de Pontevedra». «No próximo cuadrimestre imos continuar con outras localizacións e a cátedra, o que permitirá, é formalizar esta relación e achegarnos ás necesidades reais da cidade, axustando os obxectivos á Boa Vila. Non imos chocar coa actividade profesional regulada, conste, o noso tipo de actividade está máis enfocada á investigación, á especulación intelectual, romper fronteiras de coñecemento». En todo caso, Pontevedra servirá de suposto real, de marco para moitos futuros profesionais da arquitectura. 

Polo de agora, a Escola escolleu tres espazos diferentes para investigar e traballar: un á beira do río Lérez, outro ao carón do casco histórico e outro dentro do casco histórico. Tres supostos diferentes, tres lugares distintos, que a nivel académico teñen diferentes intereses, co fin de ofertarlle ao alumnado tres posibilidades variadas «que abran itinerarios formativos que cada un dos futuros profesionais decida seguir no futuro».