- O wedding showroom impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa firma La Boda de Nerea abrirá as súas portas no Recinto Feiral con 40 expositores durante os días 28 e 29 de xaneiro
Pontevedra volverá vestir de branco e poñerse ante o altar do sector nupcial coa celebración dunha nova edición do salón De Voda con Nerea, impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa firma de La Boda de Nerea. O wedding showroom abrirá as súas portas ao público no Recinto Feiral entre os días 28 e 29, en especial a aquelas parellas que teñen previsto organizar o seu enlace matrimonial a curto ou medio prazo, despregando unha proposta na que 40 expositores achegarán de xeito directo a maior oferta comercial de servizos e produtos existentes neste ámbito e que terá como atractivos un espectáculo performance; os agardados desfiles de noiva, madriña, convidada e comuñón; almorzos profesionais e sorteos con premios como un vale de 1.000 euros entre tódalas parellas que contraten cando menos a tres provedores da feira, un cartel de benvida ou seating plan ou un ramo de noiva.
O salón permitirá que os expositores entren en contacto directo con potenciais clientes, amosando os seus produtos e servizos e diferenciándose do resto, e que os noivos accedan a provedores cualificados nun mesmo espazo, aforrando tempo e enerxía á hora de organizar a súa cerimonia. Tal e como subliña a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “este evento feiral supón unha oportunidade para atopar novos clientes e de xerar contactos, xa que na súa axenda tamén se inclúen almorzos profesionais nunhas zonas especificamente habilitadas para potenciar as conexións entre todos”.
“Na zona na que se instalará a pasarela -avanza a edil do PSOE- tamén se impartirán charlas empresariais, con proxección de imaxes, enfocadas no e-mail márketing e a dixitalización e diversificación de negocio. Estarán abertas, baixo inscrición previa, a todos aqueles que desexen participar, tanto asistentes ao evento como a provedores”, explica Blanco.
Noivos xigantes, desfiles e performance de Eva Lede
Segundo sinala a concelleira socialista, “uns noivos xigantóns encargaranse de darlle a benvida ao público en diferentes franxas horarias”, mentres que “tanto o sábado 28 como o domingo 29 celebraranse desfiles polas mañás, ás 12:00 e ás 13:00 horas, e polas tardes, ás 17:00, 18:00 e 19:00 horas”. “Nos de nenos exhibiranse marcas como Badum Badero, Trasniños e Olga Modas e nos de noiva, madriña e convidada, firmas como Rosa Clará, Olga Modas e Núa Nú”, apunta Blanco.
Como aconteceu na pasada edición, tampouco faltarán os espectáculos, nesta ocasión da man da bailarina profesional Eva Lede. A súa performance poderá desfrutarse o sábado e o domingo ás 16:30 horas.
Unha das novidades deste salón De Voda con Nerea será a celebración de sorteos, con agasallos como un vale de 1.000 euros entre tódalas parellas que contraten cun mínimo de tres provedores con stand na feira; un cartel de benvida ou seating plan; a asesoría personalizada da firma El Consejo de Silvia, e un ramo de noiva.
As instalacións do Recinto Feiral permanecerán abertas ao público en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas, cunha oferta que abrangue tendas de moda nupcial, organizadores de eventos, axencias de viaxes, perruquerías, cátering, fotografía ou firmas especializadas en audiovisual, animación e maquillaxe. Xa confirmaron a súa presenza os seguintes expositores:
- Jose Mosquera Visualgal
- Visual PC Studio
- Pixelecer Bodas
- Son Events
- Eventualive
- Eventualive Kids
- Farley Events
- Viaja con Josiño
- Núa Nú
- Olga Modas
- Trasniños
- Badum Badero
- Bambú Floristería
- Salitre & Papel
- Merypuch complementos y tocados
- Miss Majorita Eventos
- Finca Batacos
- Ice Tattoo
- Rainbow
- MaderAlba
- Boda en clásico
- Chassé Centro Artístico (Eva Lede)
- Pamolita Eventos
- Hotel Sena
- Papeliños
- Arax Gazzo
- Xogando co Vento
- Galca Eventos
- Somos do Sol
- Somos Enxebre
- Lelé Eventos
- Peluquería Eloísa
- Betty Peluquerías
- Loaira Space
- Laura Sande Salón de Belleza
- Peluquería Innovat
- El Consejo de Silvia
- Ramón Joyeros
- XQuatro Espectáculos
- The Make Up Studio
Yoya Blanco asegura que “deixamos atrás os anos de pandemia, nos que fomos quen de celebrar este salón nun formato en streaming desde a Finca Batacos (en 2021), e a verdade é que a xente está a casar máis que nunca”, polo que “o éxito deste salón está máis que garantido”.