O Concello ten en execución case 10 millóns dos 12,5 millóns de euros concedidos nos fondos EDUSI

27
Doutra banda, xa ten concedidas case a metade das axudas solicitadas a través dos fondos de Nova Xeración, que ascenden até os 20 millóns de euros e inclúen proxectos coma a reforma do antigo conservatorio ou o edificio de Churruchaos 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, ofreceu unha rolda de prensa esta mañá para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Se ben na orde do día só figuraban asuntos urbanísticos de corte técnico, a edil aproveitou para ofrecer algunhas informacións de actualidade tamén tratadas durante a xuntanza.

Gulías quixo ofrecer «unha foto fixa» dos fondos europeos que nestes momentos se están executando no municipio. «Falamos de tramitación, burocracia e oportunidade, tres elementos que definen ben estes fondos, fondos que abriron proxectos diversos e variados, á par que resultaron ter unha unha gran complexidade asumida polos Concellos», comentou. 

«A día de hoxe, dos 12,5 millóns de euros que tiñamos concedidos, levamos executados 9.742.470,15 euros, é dicir, temos practicamente o proxecto finalizado e, desde logo, encamiñado, cun nivel de execución moi alto», explicou a portavoz. «Que queda pendente dos EDUSI? Como obra máis grande ou chamativa, restaría o núcleo de centralidade de Campañó, que agardamos adxudicar nun espazo breve de tempo; e tamén está pendente o mercado de novos creadores e creadoras, que sairá de novo a licitación nos vindeiros quinte días. Tamén algún lote de programas informáticos e de sinalización nas dependencias deportivas».

Sexa como for, a portavoz quixo facer fincapé na análise positiva que o Concello fai destes fondos —nos que entraron proxectos de envergadura coma o Coche de Punto ou a reforma da Ponte do Burgo—. «Estamos xa a preparar os novos EDUSI. Estamos pasando con nota non só as solicitudes, senón tamén as execucións. Xa estamos traballando no futuro. Este Concello xa ten debuxados proxectos e ten unha folla de ruta para o que está por vir».

Doutra banda, os fondos Next Generation tamén demostraron ser unha oportunidade —«ben complexa á hora de conseguir»— para os Concellos. Nese sentido, Gulías comentou que hai solicitados fondos por un importe de case 20 millóns de euros. Algúns proxectos vinculados con estes fondos son a rehabilitación e reforma do antigo conservatorio (922.817,50 euros), a reforma do edificio de Churruchaos (776.096,86 euros) ou a rehabilitación do Teatro Principal, o Pazo da Cultura e o Pavillón de Deportes.

No referido ás axudas da Fundación Biodiversidade, foron realizadas dúas solicitudes, das que foi aprobada unha e outra foi denegada, sendo a primeira a relacionada co fomento de actuacións dirixidas á renaturalización e resilencia de cidades españolas, cun importe de 3.760.698 euros.

«De todos os fondos pedidos deste tipo∫, case 20 millóns de euros, temos xa concedidos 9.769.348,22 euros, case un 48 % dos fondos solicitados. Temos unha porcentaxe, ademais, moi alta de fiabilidade, que agardamos manter, pois máis dun 90 % das axudas que pedimos son concedidas», finalizou Gulías. «O Concello pode presumir de eficacia neste eido. Seguiremos traballando, pois seguimos pendentes de solicitar aínda máis fondos, co fin de incrementar os recursos do Concello de Pontevedra e poñer a cidade na excelencia de habitabilidade e calidade urbana».