Festa de ‘peludiños’ para inaugurar o novo parque canino de Monte Porreiro

555
  • Os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal, Iván Puentes e Marcos Rey, participaron no acto inaugural deste espazo de 1.100 metros cadrados para o paseo de mascotas, ao que asistiron membros dos colectivos Os Palleiros, DivertiCans e Ohana

Unha festa de ‘peludiños’, na que participaron membros dos colectivos DivertiCans, Ohana e Os Palleiros (que xestiona o refuxio municipal), así como numerosos veciñas e veciños, serviu para inaugurar esta mañá o novo parque canino construído polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal no barrio de Monte Porreiro. Este agardado espazo para o paseo de mascotas foi creado pola empresa Naturgalia SL na zona verde situada a carón da Galiña Azul, entre as rúas Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica (moi preto do Centro de Saúde da urbanización), e conta cunha superficie de 1.100 metros cadrados.

Os traballos realizados incluíron o pechamento da parcela cun panel de malla electrosoldada, acabado en lacado verde e postes de perfil oco de sección rectangular; a plantación de dúas árbores; a subministración e instalación de dúas portas de paso de 1×1,5 metros; fontes de aceiro inoxidable combinadas para persoas e animais; dúas papeleiras cilíndricas de 80 litros de fundición de aluminio; dous postes para que os cans ouriñen; dous bancos; un sistema de rega con aspersores e unha estrutura de pérgola en madeira de piñeiro vermello cunha altura de 2,30 metros e un teito de chapa sándwich (que permite refuxiarse da choiva ou o sol). Os departamentos dirixidos polos concelleiros Iván Puentes e Marcos Rey destinaron unha achega económica de 47.833,48 euros á dotación deste parque canino, o primeiro dos catro proxectados polos socialistas na nosa cidade: ademais dos previstos no contorno de Campolongo-Os Gafos e en Valcorvos (na Praza das Regas), tamén se contempla un dentro do plan de reforma do parque de Pasarón.

Tanto Puentes como Rey, que hoxe presidiron o acto inaugural e puideron comprobar a enorme demanda deste tipo de espazos, agardan que, nun concello no que a cifra de cans se aproxima aos 20.000, os novos parques melloren a convivencia entre as mascotas e a cidadanía, ofrecendo amplas áreas nas que animais poidan moverse con absoluta liberdade. Tal e como sinalou Iván Puentes, “tanto o parque inaugurado en Monte Porreiro como os que se construirán este ano en Campolongo-Os Gafos e Valdecorvos están financiados con cargo a unha modificación de crédito de 122.722,68 euros”. “Ante a falta de resposta de Costas en relación ao permiso solicitado para executar o parque canino previsto nos antigos terreos de Tafisa -lembrou o portavoz municipal do PSOE-, adoptamos a decisión de crear varios espazos de paseo para mascotas de entre 700 e 1.100 metros cadrados en diferentes puntos da cidade que posúen unha elevada poboación de cans, dando unha resposta áxil á perentoria demanda deste servizo”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible amosouse “moi satisfeito co resultado deste parque canino” e asegurou que, coa súa inauguración, os socialistas materializan un dos compromisos adquiridos nunha reunión que Puentes e Rey mantiveron o pasado verán cos veciños de Monte Porreiro. Un encontro no que tamén se anunciara a execución dunha importante infraestrutura instalada nas pasadas semanas pola empresa Garocaprim SL: a nova pista multideporte do parque da Praza de Europa, “á que -segundo indicou Puentes- só lle queda o pintado das liñas do campo, pero que os rapaces xa comezaron a empregar para xogar a finais de decembro”. “O proxecto -afirmou o portavoz do PSOE- ten un orzamento de 53.805,29 euros e completarase agora cunha mellora paisaxística e a instalación de novo mobiliario”.

Durante o acto inaugural tamén foron distribuídas botellas de plástico da campaña de Benestar Animal ‘Non te Despistes’, pensadas para limpar con auga os ouriños das mascotas; porta bolsas da Concellería con forma de óso para facilitar a recollida das deposicións e panfletos da iniciativa de concienciación cidadá para acabar coas ‘cacatúas’ (os excrementos) nos espazos públicos.