Lores: «Debemos achegar unha posición común para defender o sistema público de Saúde para que siga sendo un exemplo mundial» 

12
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu este xoves un convite a alcaldes e voceiros de todos os Concellos do distrito sanitario de Pontevedra para realizar unha xuntanza o vindeiro mércores, 18 de xaneiro
O obxectivo non é outro que recoller as achegas de todos os municipios desta área e propiciar a creación dun fronte común que reclame medidas e propostas para evitar o desmantelamento da Sanidade Pública Galega 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou esta mañá o envío dun convite a todos os Concellos que forman parte do distrito sanitario de Pontevedra (Barro, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, O Grove, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa), co fin de manter unha xuntanza entre alcaldes e voceiros municipais de cada municipio.

O obxectivo desta reunión parte da constatada preocupación social que se vive en todos estes concellos a raíz do deterioro continuado —e sen percepción de parada— do sistema sanitario público. «Eu teño unha preocupación como sanitario en excedencia, e non paro de me sorprender dese deterioro paulatino que estamos vivindo», comentou o rexedor. «Non hai médicos suficientes, non hai pediatras en varios concellos… Quero coñecer a opinión de todo o mundo, quero saber cal é a situación de cada concello veciño e chegar a manter unha posición razoábel e común do sistema público de Saúde que foi, e que queremos que siga sendo, un exemplo en todo o mundo».

«Non se está facendo nada en medicina preventiva. Como se vai facer en planificación, formación, información… Como se vai promover a saúde se os traballadores sanitarios apenas poden atender as urxencias sanitarias que se producen todos os días?», sinalou Lores. «Non é de recibo agardar días cunha crianza con febre para recibir unha cita. Non é normal todo o que está a pasar e, en todo caso, teremos que petar na mesa para que as autoridades sanitarias, tanto estatais como autonómicas, decidan actuar e reverter a situación».

«A Sanidade é un servizo público fundamental, coma o ensino ou calquera outro, e hai que investir nela. Sen investimento, sen formación e sen salarios dignos non se pode manter o sistema sanitario», indicou o alcalde. 

A nomeada xuntanza ten prevista a súa realización o vindeiro mércores 18 de xaneiro, ás 11 horas, no andar superior do Teatro Principal.