Os pontevedreses outorgan á tenda Moma o primeiro premio do Concurso de Escaparates de Nadal

107
  • As vitrinas confeccionadas polos establecementos Pequeñitos y adorables, Trülock e Aromara fixéronse co 2º, 3º e 4º posto do certame organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo

Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes achegáronse esta mañá ata a Praza de San Xosé para entregarlle á propietaria da tenda Moma o diploma, cun galardón de 1.300 euros, que a acredita como gañadora do Concurso de Escaparates de Nadal organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers. Así o decidiron os pontevedreses que participaron coas súas valoracións durante as pasadas semanas a través da aplicación Easypromos, puntuando con 10, 6, 3 e 1 puntos as propostas dos 10 comercios seleccionados previamente como finalistas por un xurado.

O segundo premio do certame de vitrinas de Nadal, dotado de 800 euros, recaeu no establecemento Pequeñitos y adorables, mentres que o terceiro (500 euros) foi para Trülock, e o cuarto (200 euros) en Aromara. Asemade, Yoya Blanco deu a coñecer os nomes dos agraciados cos premios outorgados ao público que participou emitindo o seu voto, entre os que se repartiron 10 vales de 60 euros para gastar nos comercios inscritos no Concurso de Escaparatismo (aparecen publicados no seguinte enlace: https://pr.easypromosapp.com/prizes/949383).

Os 10 comercios finalistas foron seleccionados, de entre 47 propostas participantes, por un xurado composto pola escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias; a técnica forestal Luz Gómez Señoráns; o escritor Manel Loureiro; a artista e docente da Universidade de Vigo Carmen Hermo, e un grupo de 30 alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e do Ciclo Medio de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES de Monte Porreiro supervisados polos profesores Iria Morgade e Alexandre Losada (que emitiron un único voto conxunto). Á hora de realizar as súas valoracións (de 0 a 10 puntos) avaliaron aspectos como a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final.

Nas puntuacións emitidas polo xurado, Aromara recibira 8,4 puntos; Moma, 8; Trülock, 7,73, e Pequeñitos y adorables, 7,48. “Os votos da cidadanía son soberanos -apunta Yoya Blanco- e permitiron establecer a clasificación definitiva dun certame no que o nivel dos escaparates que participaron o puxo realmente difícil á hora de decidir”.