Maite Méndez e a Orquestra Sinfónica de Pontevedra, Premios Cidade de Pontevedra 2022

89
Os galardóns serán entregados o vindeiro venres, 20 de xaneiro, no tradicional pleno de honra que se celebrará no Teatro Principal ás 13.00 horas

O xurado dos Premios Cidade de Pontevedra acordou entregarlles os galardóns relativos ao ano 2022 á adestradora de baloncesto Maite Méndez, na categoría de persoa física, e á Orquestra Sinfónica de Pontevedra, na categoría de persoa xurídica. En ambos os dous casos a decisión do Xurado foi unánime.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carme Fouces, sinalou a felicidade e satisfacción acadada grazas á unanimidade lograda á hora de escoller os galardoados desta edición. «Foi un debate rico, un debate onde houbo moitas argumentacións para defender a cada un dos candidatos. Este ano, debemos congratularnos, pois houbo un número importante de propostas —cinco na de persoas físicas e dúas na de persoas xurídicas— e todas, as sete, eran merecedoras destes galardóns, calquera delas podían ser unha proposta gañadora», explicou a edil. 

Maite Méndez, adestradora do C.B. Arxil, será galardoada co premio Cidade de Pontevedra na categoría de persoa física logo de «levar toda unha vida entregada ao traballo social e deportivo desta cidade». Fouces lembrou que polas súas mans pasaron «miles e miles de rapazas que atoparon no deporte un dos lugares máis interesantes para medrar como persoas e para traballar dentro da sociedade. Sempre estivo aí, sempre está e, de seguro, que estará para as que veñan no futuro».

A Orquestra Sinfónica de Pontevedra é a entidade gañadora este ano na modalidade de persoa xurídica, unha entidade «cultural cun traballo altruísta e vocacional inmenso desde hai anos, dividido en tres grupos orquestrais diferentes. Sempre están a disposición da cidade, nunca din que non a nada». Ademais, Fouces destacou o traballo realizado ao longo do último ano dentro da perspectiva de xénero, tanto para dentro como para fóra, con ciclos como ‘Mulleres e inspiración’, presentado en maio do ano pasado. 

Cómpre sinalar que por vez primeira na súa historia, a comisión encargada de outorgar os premios Cidade de Pontevedra non revelou ou adiantou o conxunto de candidatos. Trátase dunha decisión conxunta e pactada, logo de non poder ser modificadas as bases como tal para facer as candidaturas non públicas. «Sempre deu a sensación de que os que non son premiados, son perdedores, e non é así, nada máis lonxe da realidade. Escollemos entre unha serie de persoas totalmente merecedoras destes premios, polo que falamos entre nós para evitar facer públicas as candidaturas, algo que pode provocar debates pouco interesantes», sinalou Fouces. «É mellor evitar comparativas odiosas, polo que preferimos só centrar a atención nas persoas que gañan os galardóns. Ten que ser algo pactado porque a nivel administrativo, seguindo a lei de Transparencia e ese tipo de cuestións, no momento que se meten no rexistro (as candidaturas) xa son públicas e non hai ningunha posibilidade de que non o sexan ao ser o Concello unha administración pública», finalizou a concelleira.