A cidade onde mellor se vive do mundo viaxará a Fitur 2023 para consolidarse como potencia gastronómica e exhibir os proxectos que a converterán en capital española do ecoturismo

223
  • Un vídeo protagonizado por Bruce Lee, baixo o lema ‘Flúe, my friend!’ (inspirado no clásico ‘Be water, my friend’) centrará este ano a campaña que Turismo de Pontevedra presentará oficialmente no stand de Galicia o xoves 19 de xaneiro ás 12:00 horas, nun acto que terá como embaixadores aos concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes
  • A aposta polo ecoturismo e o turismo sostible terá como eixo vertebrador o conxunto de proxectos de renaturalización e loita contra o cambio climático enmarcados na estratexia Pontevedra Flúe, mentres que os eventos e iniciativas desenvolvidos pola marca Pontevedra Capital Gastro centrarán a promoción dos valores gastronómicos da cidade

Pontevedra é a cidade onde mellor se vive do mundo e, sen dúbida, o seu modelo urbano, os seus talentos gastronómicos e os seus fermosos espazos naturais xogan un papel esencial na calidade de vida da que gozamos. Dalos a coñecer e poñelos en valor nun dos principais escaparates do turismo nacional e internacional é un dos obxectivos cos que Visit Pontevedra viaxará a vindeira semana á Feira Internacional de Turismo Fitur 2023, que acollerá o recinto de Ifema (Institución Feiral de Madrid) entre os días 18 e 22 de xaneiro. As propostas, que serán presentadas oficialmente por Turismo de Pontevedra nun acto institucional que terá lugar no stand de Galicia o xoves 19 ás 12:00 horas, centraranse en consolidar o noso posicionamento como potencia gastronómica e en exhibir os proxectos cos que aspiramos a converternos, tamén, en referente e capital española do ecoturismo e o turismo sostible.

Se as accións desenvolvidas ao longo destes anos pola marca Pontevedra Capital Gastro focalizarán a promoción dos valores gastronómicos da cidade onde (tamén) mellor se come do mundo, con eventos de éxito que enchen o noso calendario como a Festa das Cunchas, Mestizaxes, Avoa Fest, Pontedetapas, Entroido Gastronómico, Campionato de Tapas de Galicia ou Pontealmorzo, a aposta polo turismo verde e sostible terá como eixo vertebrador o conxunto de proxectos de renaturalización dos nosos ríos e contornos naturais e loita contra o cambio climático enmarcados na ambiciosa estratexia Pontevedra Flúe.

Os seus impulsores, a concelleira delegada de Turismo de Pontevedra e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, os socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes, desprazaranse ata Madrid para converterse en embaixadores deste ecoturismo e participar nun acto de presentación oficial que terá como convidado de luxo a unha das figuras máis célebres que deu o mundo das Artes Marciais: Bruce Lee. Así, ademais de dous ‘loops’ de imaxes de Pontevedra Flúe e de Pontevedra Capital Gastro, a campaña de Turismo de Pontevedra empregará como material promocional un vídeo inspirado naquela famosa campaña de ‘Be water, my friend’ (https://youtu.be/MyQ8YzgqVdY), na que un sosia do deus do Kung Fu percorre espazos tan emblemáticos como a Peregrina, a Illa das Esculturas, Michelena, a Praza da Ferrería, Santa María, Méndez Núñez ou o contorno do río dos Gafos, para lembrarnos ese lema que resume o espírito da estratexia de impulso do turismo verde e sostible enmarcada no proxecto Pontevedra Flúe: precisamente, ‘Flúe, my friend!’.

Este é o enlace ao teaser da divertida peza audiovisual realizada por Fernando Portela que se dará a coñecer en Fitur, no que un actor chinés ‘cravadiño’ a Bruce Lee combinado con técnicas de ‘deepfake’ (imaxe ou audio xerado que imita a apariencia ou son dunha persoa) deu como resultado un vídeo propio dos mellores spots das grandes marcas: https://vimeo.com/788586033.

O contido da campaña foi avanzado esta mañá no Concello nunha rolda de prensa na que a concelleira Yoya Blanco explicou que, tal e como fixera co exitoso traballo audiovisual protagonizado por Paco, ese sibarita incapaz de facer dieta nesta cidade pragada de tentacións, “Turismo de Pontevedra volve apostar por un vídeo diferente e espectacular, con máis humor que as pezas clásicas de destino, neste caso con Bruce Lee e con técnica de ‘deepfake'”. “Imos a Fitur a vender algo do que levamos xa todo o ano falando, que ten moito que ver co noso Plan de Sostibilidade Turística, que é ese ecoturismo e, por suposto, o turismo gastronómico. O ano pasado fomos cidade candidata a Capital Española da Gastronomía e quedamos ás portas de selo, pero a realidade é que xa levamos un tempo traballando para que todos saiban que Pontevedra é a cidade na que mellor se come do mundo”, asegurou a edil do PSOE.

Segundo subliñou o seu compañeiro Iván Puentes, “Fitur é a maior feira de turismo de España e probablemente a máis importante do mundo, e alí, cada día hai centos de proxeccións e presentacións de diferentes concellos que van con vídeos marabillosos, con imaxes de drons e espectaculares desde o punto de vista técnico, que fan que nos resulte fantástico ata o punto menos bonito que se nos poida ocorrer de España”. “Pontevedra ten materia prima -apuntou Puentes-, non ten que facerse bonita nun vídeo. Xa é bonita e é unha cidade que ten moito que ofrecer, acolledora e na que se come ben, e polo tanto, o que buscamos, tanto co vídeo como coa presentación que realizaremos o xoves 19 en Madrid, é diferenciarnos. Cando un leva vistos 20 vídeos con imaxes de dron e música épica, un xa non sabe se está a ver Viana do Bolo, Lugo ou Pontevedra. O ano pasado a estratexia resultou exitosa, o vídeo de Paco o recoñecíao todo o mundo e aínda hoxe nolo lembran cando imos por aí, e para 2023 procuramos facer o mesmo a nivel comunicativo: distinguirnos”.

En opinión do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “Fitur é o escaparate perfecto para captar visitantes, poder destacarse e posicionarse dentro do menú turístico de España durante estes días de feira”, pero “serve tamén para facer contactos, nun lugar no que teremos a boa parte do poder institucional español e galego e a importantes axentes económicos que teñen moito que ver en como se reparte o mercado turístico nacional”. Por este motivo, Iván Puentes considera esencial “comezar a posicionar a Pontevedra como capital do turismo verde e ecolóxico”, algo que “é absolutamente coherente coa estratexia de xestión que vimos desenvolvendo desde as dúas concellerías durante este mandato de captación de fondos europeos a través deses ítems, en particular dos Next Generation, do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (que supoñen 2,5 millóns de euros que empezarán a ser executadas neste mesmo ano) e da achega de máis de 4 millóns de euros outorgados a través da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica”.

As actuacións e eventos máis importantes

As ambicións de Pontevedra como capital española do ecoturismo e das infraestruturas verdes e azuis terán como principal expoñente a vintena de actuacións de renaturalización, reverdecemento e loita contra o cambio climático incluídas dentro dese novo modelo de cidade 2.0 que promulga a estratexia Pontevedra Flúe. Entre estas intervencións, valoradas en máis de 20 millóns de euros e das que moitas delas xa contan con financiamento de fondos europeos, contémplanse algunhas en marcha ou a punto de iniciarse, como a restauración da vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez, a renaturalización do treito do río dos Gafos que discorre entre A Tablada e Rosalía de Castro, a construción do primeiro parque de xogos de auga da cidade; outras que se están a tramitar e que xa contan con financiamento, como a rehabilitación dos salóns do Lérez, a mellora paisaxística e ambiental do parque de María Vinyals ou a restauración da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras, e outras en fase de anteproxecto, como o plan para controlar o Valdecorvos mediante lagoas artificiais e acabar coas inundacións na rúa Padre Fernando Olmedo ou o proxecto que permitirá crear zonas de estar e acceso á auga nos contornos do Pavillón dos Deportes e a Illa das Esculturas.

No que atinxe á posta en valor da nosa gastronomía, produtos e cociñeiros, a marca Pontevedra Capital Gastro permitiu que a cidade regrese este ano Fitur como unha potencia nacional do gastroturismo, con eventos consolidados como a Feira das Cunchas (cun Mercado e coa Batalla das Cunchas); o Avoa Fest, que recuperou as receitas e verbenas dos nosos avós e avoas; o Mestizaxes (orientado a degustar as mellores cociñas foráneas asentadas en Pontevedra); o clásico Pontedetapas, e estreas como o I Campionato de Tapas de Galicia, o Entroido Gastronómico ou o Pontealmorzo. Un programa ao que hai que sumarlle iniciativas pioneiras como a incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos Capital Gastro Lab e o foro Think Tank de Gastronomía e Sostibilidade.

Entre os contactos formais previstos nestes días de feira, Iván Puentes e Yoya Blanco agardan reunirse coa Fundación de los Ferrocarriles Españoles, co obxectivo de seguir avanzando no proxecto de conexión coa Vía Verde do Salnés (para o que xa hai financiamento a través da Fundación Biodiversidade).