O novo centro de procesamento de datos do Concello xa comezou a súa instalación no edificio de Michelena 30 

28
Tal e como explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, este novo equipamento aumentará a seguridade fronte os ciberataques que están a sufrir todas as administracións públicas 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, compareceu esta mañá de luns, 9 de xaneiro, en rolda de de prensa para dar conta dos asuntos tratados durante a última Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Tal e como sinalou, se ben non había ningún tema como tal dentro da orde do día, si foron tratados outros puntos fóra da mesma.

En relación co Plan Supera e as axudas para ordenadores que se deron o pasado ano, o Concello formalizou un acordo para o «non reintegro das cantidades pendentes por xustificar dun importe menor a 15 euros». «A razón é obvia: a propia lei galega de subvencións permite facer este tipo de procesos, onde o custo administrativo do reintegro é maior que as propias cantidades a reintegrar. Neste caso tiñamos 44 expedientes que estaban nesta situación é o importe total a xustificar era de 86,43 euros. Tendo en consta isto non parecía lóxico iniciar os procedementos de reintegro», sinalou Gulías.

Alén deste primeiro punto, os membros da XGL tamén quixeron abordar os ciberataques que está a sufrir «non só o Concello de Pontevedra, senón todas as administracións públicas». «Xa comentamos que as veces estamos a vivir como nunha película de ciencia ficción, mais os retos e os desafíos da realidade global teñen o seu efecto en todas as nosas administracións. Hai uns meses sufrimos ataques fortuítos, pero percíbese unha onda de ataques dirixidos para debilitar os sistemas públicos. Non é algo novo, pasa desde hai anos, por iso fixemos un investimento importantísimo en varios elementos básicos tal e como se deu conta aos pouco», explicou a edil.

Deste xeito, Gulías comentou que o novo centro de procesamento de datos do Concello xa comezou a súa instalación no patio interior do edificio de Michelena, 30. «Un arma máis para loitar contra os ciberataques, ao permitirnos traballar dun xeito máis proactivo. Teremos unha maior trazabilidade do noso tráfico de datos e dos posíbeis ataques que se produzan», comentou. «Todo o que se faga, todas as medidas que se tomen nun mundo en constante cambio van ser necesarias, pois todo pode pasar, tal e como explican os nosos técnicos informáticos»

Doutra banda, a XGL tamén aprobou a demanda de varios propietarios que cederon unha parcela de 48,5 metros cadrados, na urbanización da ONCE, para escriturala baixo titularidade pública.