As Súas Maxestades de Oriente regresarán este xoves ao Estadio da Xuventude para asistir á gran festa do atletismo do V Torneo de Reis

180
  • A proba organizada polo Club Atletismo Rías Baixas en colaboración coa Concellería de Deportes terá unha participación récord, coa presenza de 750 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos procedentes das catro provincias galegas

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) acollerá este xoves 5 de xaneiro a V edición do tradicional Torneo de Reis, organizado polo Club Atletismo Rías Baixas en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra. A proba atlética acadará neste 2023, na súa volta á normalidade trala pandemia, unha participación absolutamente récord, coa presenza de 750 nenos e nenas procedentes das catro provincias galegas (o ano pasado foron uns 400 atletas e en 2019 uns 600).

Asemade, nesta edición post Covid tamén regresarán ao Estadio da Xuventude, da man da Concellería de Cultura, as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, que se achegarán á pista de atletismo ás 12:30 horas para repartir ilusión entre os rapaces. Segundo apunta o presidente do Club Atletismo Rías Baixas, Gonzalo Méndez, “parece que o bo tempo acompañará, polo que agardamos que todo saia perfecto nunha xornada que se converterá nunha festa total de atletismo e de deporte de base e na que haberá moitos sorteos de agasallos e de roscóns de Reis”.

“Este ano non haberá categorías de maiores nin elite, senón que todo o torneo estará dedicado á base, desde os 6 ata os 16 anos. O día de Reis é un día para que desfruten os nenos e as nenas e non o concibimos para traer a xente de alto nivel”, subliña Méndez.

Entre as disciplinas atléticas das que poderemos desfrutar neste Torneo de Reis, no que tamén colaboran a Federación Galega de Atletismo, o Grupo Jim Sports e a firma Dibay Eventos, inclúense salto de lonxitude, lanzamento de martelo, salto de altura e 50, 60, 80, 200, 300 e 1.000 metros. O evento desenvolverase entre as 10:00 e as 15:00 horas.