O Concello pecha o ano con impulso ao sacar a contratación máis 2,5 millóns de euros 

42

A zona de xogos de Pintor Laxeiro, o núcleo de centralidade parroquial de Campañó ou a renovación led da iluminación pública da zona sur do centro urbano son algúns dos contratos aprobados nas dúas últimas xuntas de goberno do ano.

Tamén se aprobou o convenio de colaboración co Mestrado de Moda de Galiza até 2025 por 60.000 euros. 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou esta mañá que “acabamos 2022 a pleno rendemento, adiantándonos aos desafios de 2023”, en relación ás dúas últimas Xuntas de Goberno do ano que rematou cun impulso de contratación superior aos 2 millóns de euros. A concelleira quixo agradecer o esforzo dos servizos municipais nesta recta final de 2022.

Entre as licitacións aprobadas atópase:

  • O inicio do expediente de contratación da zona de xogos de Pintor Laxeiro por 198.964,58 euros.
  • O contrato de subsministros para o acceso ás instalacións deportivas e sociais municipais mediante a aplicación de novas tecnoloxías da información e da comunicación por 192.000 euros.
  • O inicio de expediente de contratación relativo á seguridade informática do Concello por 60.000 euros.
  • O expediente de contratación para a rehabilitación integral do núcleo de centralidade parroquial de Campañó por 476.078 euros. O prazo de execución é de 4 meses.
  • O expediente de contratación da renovación da iluminación da zona sur do centro urbano, ademais do seu mantemento por valor de 1.578.347 euros. Este contrato inclúe toda o sur da cidade trazando unha liña dende San Roque – Praza de Galiza – Eduardo Pondal. A portavoz do Goberno explicou que esta licitación permitirá combatir o cambio climático, unha das liñas de traballo do Goberno local, así como reducir o gasto do consumo eléctrico. Este contrato estará financiado ao 100% a través dun convenio coa Deputación provincial que tamén foi aprobado esta mañá na Xunta de Goberno.

Por outra banda, a Xunta de Goberno local aprobou o convenio de colaboración co Mestrado de Moda de Galiza até 2025 por 60.000 euros. Anabel Gulías explicou que “é un paso máis na aposta pola economía creativa do Concello. Esta alianza garante o futuro da titulación que é un activo moi importante para a cidade”.

Outros asuntos

Entre os asuntos abordados nas dúas últimas Xuntas de Goberno está a finalización do contrato de subministro dos módulos da compostaxe comunitaria porque o novo contrato xa ten unha previsión de instalación de 100 novos centros de compostaxe, polo que non cabe a duplicidade do contrato. Ao tempo, se deu conta da resolución do expediente administrativo dos composteiros individuais.

Tamén se aprobou a prórroga do contrato do guindastre á empresa adxudicataria Setex Aparki, cunha revisión de prezos de 2022. A prórroga está valorada en 324.716,50 euros e un prazo de adxudicación de 6 meses, do 30 de decembro de 2022 até o 30 de xuño de 2023. A este respecto, a portavoz do Goberno tamén anunciou que “estamos xa coa licitación do novo contrato do guindastre”.

A Xunta de Goberno tamén recibiu a solicitude de revisión de prezos de Serviocio-Beone que xestiona o complexo deportivo de Campolongo que solicita unha suba das tarifas do 2,5% argumentando o incremento da inflacción e a suba de prezos.

A portavoz tamén dou conta da aprobación do plan de contratación 2023, un instrumento de planificación interna do servizo que ten como propósito axilizar e optimizar os tempos da administración xunto a outros instrumentos similiares realizados en outros servizos que buscan a optimización de recursos e axilización da tramitación de expedientes.

En relación a persoal, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras dos procesos de provisión por mobilidade de postos nas categorías de policía (2) e inspector (1), e do proceso selectivo para o acceso por promoción interna á categoría de oficial da Policía Local.