Pontevedra entra en 2023 cumprindo coa normativa das zonas de baixas emisións 

41

O concelleiro de Mobilidade xeral, César Mosquera confirmou esta mañá que o Real Decreto sobre zonas de baixas emisións publicado polo Goberno central o martes ratifica o modelo de Pontevedra como excepción ao cobro por entrar na cidade, ás etiquetas ecolóxicas dos vehículos ou ao uso de coches eléctricos.

O anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible aprobado este mes polo Consello de Ministros inclúe solucións do Modelo Pontevedra como planificación urbana para o fomento da mobilidade activa. 

Pontevedra está adaptada á normativa de baixas emisións“. Así o confirmou esta mañá o concelleiro responsable da Mobilidade xeral do Concello, César Mosquera, a dous días de que entre en vigor a Lei de Cambio Climático que ordena a delimitación dunha zona de baixas emisións e o cumprimento dos parámetros ambientais da Unión Europa o día 1 de xaneiro de 2023. 

En Pontevedra, esta zona de baixas emisións circunscríbese a todo o centro urbano no que se poderá entrar en coche sen pagar, sen que os vehículos teñan etiquetas ecolóxicas e sen primar o vehículo eléctrico. A implantación do modelo de cidade foi suficiente para que os parámetros ambientais estean por debaixo dos esixidos pola Lei (os parámetros da UE).

O concelleiro explicou esta mañá que recentemente foi coñecida a sentenza do Tribunal Superior da Unión Europea que condena ao Estado español por inacción ante os episodios de contaminación en Madrid e Barcelona. Con este prolegómenos, explicaba César Mosquera, o Estado aproba a Lei de Cambio Climático na que crea unhas zonas de baixas emisións, atendendo ás necesidades das grandes cidades, pero obrigando ás cidades de máis de 50.000 habitantes a aplicala.

Polo tanto “149 cidades do Estado non teñen os parámetros bos para cumprir a Lei a partir do 1 de xaneiro, agás Madrid, Barcelona e Pontevedra”, indicaba César Mosquera que recordaba que as dúas grandes cidades españolas tampouco tiñan os parámetros adecuados.

Tamén recordaba que o pasado 13 de decembro o Consello de Ministros aprobou o Anteproxecto de Lei de Mobilidade sustentable que inclúe no seu artigo 30 un modelo urbano similar ao Modelo Pontevedra.

Ademais, explicaba o concelleiro que onte o Boletín Oficial do Estado (BOE) recollía o Real Decreto sobre Zonas de baixas emisións na que xa contempla que o obxectivo é a mellora do aire, ademais de reducción acústica, o cambio da mobilidade… No seu artigo 53 recolle que en casos xustificados poderanse fixar excepcións ás restricións de entradas nas zonas de baixas emisións (etiquetas ou coches eléctricos) “sempre que garantan o cumprimento do establecido nos artigos 3 e 4”, o que supón cumprir os parámetros de contaminación aplicados pola UE.

“Boa parte das cidades sen grandes problemas de contaminación van ir por esta vía porque as retriccións da Lei son traumáticas”, explicaba Mosquera, quen recalcou que Pontevedra xa cumpre coa normativa de zona de baixas emisións ao acordar que todo o centro da cidade sexa unha zona de baixas emisións sen ter que aplicar as restriccións drásticas que contempla a Lei.