Os pontevedreses teñen ata o 6 de xaneiro para elixir as mellores vitrinas do Nadal entre os 10 comercios finalistas do Concurso de Escaparates organizado pola Concellería de Promoción Económica

98
  • O xurado do certame seleccionou cos seus votos os decorados despregados polos establecementos Aromara, Novo Rumbo, Moma, Cinania, Trülock, Delicious Bakery, Pequeñitos y Adorables, Ferse 1979, Mage e Mission Surf Shop
  • A concelleira socialista Yoya Blanco anima á cidadanía a emitir os seus votos (con 10, 6, 3 e 1 puntos) mediante a aplicación Easypromos, accedendo a través do código QR dispoñible nos escaparates dos comercios finalistas ou directamente no enlace https://pr.easypromosapp.com/p/949383

O xurado do Concurso de Escaparates de Nadal 2022, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers, acaba de dar a coñecer os nomes dos 10 comercios seleccionados cos seus votos como finalistas do certame: Aromara, Novo Rumbo, Moma, Cinania, Trülock, Delicious Bakery, Pequeñitos y Adorables, Ferse 1979, Mage e Mission Surf Shop. A cidadanía pontevedresa ten agora a última palabra para decidir cales son as catro vitrinas mellor decoradas deste Nadal, xa que disporá até o día 6 de xaneiro para emitir as súas valoracións (poderán votar con 10, 6, 3 e 1 puntos) a través da aplicación Easypromos, accedendo mediante o código QR dispoñible nos carteis colocados nos escaparates dos comercios finalistas ou directamente no enlace https://pr.easypromosapp.com/p/949383.

O concurso establece dúas categorías de galardóns: os premios aos escaparates dos establecementos participantes (resultado da puntuación do xurado máis a do público a través de Easypromos), dotados de 1.300 (1º), 800 (2º), 500 (3º) e 200 euros (4º); e os premios outorgados ao público que participe emitindo o seu voto, consistentes en 10 vales de 60 euros para gastar nos comercios inscritos. Os gañadores dos escaparates e os premios dos votantes daranse a coñecer o día 9 de xaneiro de 2023, mediante a súa publicación na páxina web e redes sociais do Concello de Pontevedra, e tamén mediante chamada telefónica aos agraciados.

Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “os 10 comercios finalistas foron seleccionados, de entre 47 propostas participantes, por un xurado composto pola escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias; a técnica forestal Luz Gómez Señoráns; o escritor Manel Loureiro; a artista e docente da Universidade de Vigo Carmen Hermo, e un grupo de 30 alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e do Ciclo Medio de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES de Monte Porreiro supervisados polos profesores Iria Morgade e Alexandre Losada (que emitiron un único voto conxunto)”. “Á hora de realizar as súas valoracións (de 0 a 10 puntos) avaliaron aspectos como a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final”, subliña a edil do PSOE.

As puntuacións do xurado foron as seguintes:

  1. Aromara: 8,4
  2. Novo Rumbo: 8,38
  3. Moma: 8
  4. Cinania: 7,86
  5. Trülock: 7,73
  6. Delicious Bakery: 7,56
  7. Pequeñitos y Adorables: 7,48
  8. Ferse 1979: 7,44
  9. Mage: 7,12
  10. Mission Surf Shop: 7,02