A segunda fase de urbanización dos terreos da ONCE mellorará a conexión con María Victoria Moreno e a avenida de Vigo 

24

O alcalde informou de que o Concello está a piques de recibir a nova rúa que conecta San Brais e a avenida de Vigo a través de Urbano Lugrís, con Campolongo.

O investimento da ONCE na urbanización xa se achega aos 2,5 millóns de euros.  

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores fixo esta mañá unha valoración “moi positiva” do desenvolvemento do convenio urbanístico da ONCE, na parte sur da cidade, logo da reunión que mantiveron cos arquitectos da organización o pasado xoves para facer seguimento da obra. Segundo desvelou o alcalde, no mes de xaneiro o Concello estará en disposición de recibir a rúa (aínda sen nome) que se acaba de urbanizar e iniciarase a segunda fase do convenio que consiste na execución do viario perimetral de toda a parcela, incluída unha rotonda de acceso dende Luís Braille. Esta segunda fase terá un custe superior ao 1,7 millóns.

Fernandez Lores destacou o “comportamento exquisito” da ONCE porque todas as propostas do Concello foron tidas en conta. Logo de renunciar a executar o Centro de Recursos Educativos en Doce de Novembro, o Concello recuperou a parcela que entregou á Xunta para construír a próxima residencia pública da cidade. A ONCE cedeu ao Concello o actual Centro Sur destinado a asociacións culturais e en pleno proceso de transformación como residencia para Amencer. Tamén entregou o Pavillón deportivo e vén de rematar a nova conexión viaria entre San Brais e Urbano Lugrís, cara a avenida de Vigo, e o barrio de Campolongo.

Esta primeira fase da urbanización está pendente de que sexa supervisada polos técnicos municipais para facer unha recepción provisional, á espera de cambiar os farois da rúa e o pintado dunha zona de estacionamento que non se pode facer pola chuvia. Unha vez comprobada a urbanización, poderase abrir ao tránsito peonil e rodado ao longo do mes de xaneiro.

Esta conexión permite darlle entrada ao novo centro de especialidades de Xoán XXIII e ao barrio de San Brais, que agora tiña coñexión coa cidade soamente a través de Carrefour. Pola parte baixa, a nova vía une a ONCE co barrio de Campolongo a través da rúa Luís Braille e Alfonso X.

O alcalde destacou que esta obra “era moi necesaria” para darlle conexión á ONCE, ao Centro Sur e ao Pavillón. O custe inicial foi de 550.000 euros.

Na reunión tamén se deu conta de que está en licitación a segunda fase do convenio urbanístico. Consiste na creación de todo o viario perimetral dos terreos da ONCE por valor de 1,7 millóns de euros. Inicialmente, a urbanización perimetral ía a conta da empresa que resultase adxudicataria da edificabilidade da parcela -un proceso que a ONCE xa ten en trámites e que permitirá construír unhas 280 vivendas-, pero o Concello solicitou que a executase a propia ONCE para poder permeabilizar toda a zona canto antes.

Inclúese nesta fase a construción dunha rotonda en Luís Braille que permitirá unha mellor conexión da rúa xa urbanizada.

O alcalde tamén explicou que na parte baixa da urbanización, a máis próxima a María Victoria Moreno, o Concello xa está en negociacións cos propietarios dun polígono de desenvolvemento urbanístico que permitirá completar o vial perimetral, xa que non está incluído dentro do convenio da ONCE.

Á esperas de coñecer o custe definitivo da primeira fase, a urbanización dos terreos xa supuxeron un investimento de 2,5 millóns de euros e con el “poñemos máis solo no mercado, damos acceso rodado ás infraestruturas da zona, poñemos estacionamentos a disposición e conectamos o barrio de San Brais”, concluíu o alcalde.