Lores afirma que coa incorporación de Santa Clara o Museo de Pontevedra recibe “un pulo fundamental”

23

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá a cesión do Convento de Santa Clara ao Museo de Pontevedra a través dun convenio que se asinará a vindeira semana e que será “un día histórico para Pontevedra”.

O convenio respecta a apertura ao público do Bosque, a Horta, os espazos non edificados e convirte a antiga igrexa nun salón de actos compartido entre as dúas institucións.

Lores asegura “doerlle na alma” que o PP rompera o consenso histórico de ver medrar o Museo de Pontevedra que soñaron “Casto Sampedro, Filgueira ou Castelao, entre outros”. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores informou esta mañá que a Xunta de Goberno local aprobou o Convenio de Santa Clara polo que se cede á Deputación provincial para convertelo nunha nova sede do Museo de Pontevedra. Segundo explicou o alcalde, esta cesión “é compatible coa apertura ao público do Bosque, da Horta e dos espazos non edificados, así como da antiga igrexa que será un salón de actos para compartir” entre ambas institucións.

Fernández Lores revelou que a sinatura do convenio se realizará a vindeira semana “e será un día histórico para Pontevedra porque o Museo é un dos máis grandes do Estado e o máis grande de Galiza” xestionado por una administración local.

Afirmou que “o Museo é un activo estratéxico para Pontevedra independentemente de quen o xestione”, e lembrou que “o Concello sempre deu facilidades para a súa xestión e funcionamento. De feito, si nos quedáramos con Santa Clara que xa é de por si un museo, dividiríamos a unidade de acción do Museo. A cesión é fundamental para que se manteña a unidade de funcionamento”.

“É o museo que soñaron Casto Sampedro, Filgueira, Castelao e outros, e con esta cesión recibe un pulo fundamental”, explicaba o alcalde de Pontevedra quen non dubidou en afirmar que “dóeme na alma que o PP pontevedrés rompera ese consenso tal e como recollen as declaracións do señor Domínguez” que ao longo de 2021 dubido da compra e do seu futuro, e posicionouse en contra da cesión de Santa Clara ao Museo de Pontevedra.

“Tivo que vir de fóra de Pontevedra o PP galego para emendarlles a plana. De aí o seu silencio na aprobación deste convenio na Deputación. É absolutamente lamentable que teña que vir xente de fóra de Pontevedra a poñer os puntos sobre as is”, recordaba Fernández Lores, quen lembrou que “ao final cundeu o sentido común pero é lamentable que non sexa o PP pontevedrés, que debera representar a esa dereita ilustrada pontevedresa que sempre tivo claro que o Museo era algo de todos os pontevedreses e era un activo que tiñamos que mellorar e ampliar entre todos”.

A pesar da decepción, o alcalde dixo estar “encantado de que poidamos asinar este convenio e seguir traballando conxuntamente para poñelo (o Museo) no máis alto”.