Desenvolvemento Sostible remata a instalación da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa

233
  • O concelleiro socialista Iván Puentes asegura que a empresa adxudicataria realizará os traballos de pintado “unha vez que pasen as choivas”, de xeito que a veciñanza do barrio de Monte Porreiro poida “estrear as porterías e canastras da pista tralas vacacións de Nadal”
  • A Concellería que dirixe Puentes tamén puxo en marcha as obras de mellora paisaxística e axardinamento do contorno do parque infantil, ao que será trasladada a oliveira da Praza de España

A empresa adxudicataria Garocaprim SL vén de rematar a instalación das porterías, as canastras e o peche perimetral da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro. No marco dunha visita para supervisar tanto a marcha destas actuacións como a dos traballos de renovación paisaxística e dos xardíns do contorno do parque infantil, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asegurou esta mañá que “os traballos de pintado da pista serán realizados unha vez que pasen as choivas”, de xeito a veciñanza poida estreala “tralas vacacións de Nadal”.

Puentes, que estivo acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, lembrou que o Concello destinou unha achega económica de 44.467,18 euros a estas obras, que inclúen o axardinamento da Praza de Europa, a mellora da iluminación e a instalación de bancos, papeleiras e puntos de recarga para teléfonos móbiles. “O novo equipamento multideporte -sinalou o edil do PSOE-, que permite a práctica de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán, forma parte dun proxecto de reforma integral que busca potenciar o papel do parque da Praza de Europa como núcleo de centralidade e da vida social de Monte Porreiro”.

Así, entre os obxectivos das actuacións que se están a executar contémplanse os de mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería; xerar un espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; optimizar a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e incrementar a capacidade de acollida e confort do espazo coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación. A pista multideportiva instalada está pensada para xogos de pelota en xeral e conta con peche perimetrais, entradas polos dous laterais, estruturas cubertas de capa anti graffiti, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura e pezas metálicas galvanizadas en quente con recubrimento en po, tornillería de aceiro e ancoraxes metálicos.

Segundo apuntou Iván Puentes, “o proxecto prevé a mellora da iluminación da pista deportiva mediante a colocación de luminarias LED, que serán resistentes ás condicións de espazos abertos e que permitirán a utilización nocturna do novo equipamento deportivo en condicións axeitadas”. Dado o déficit de sombra existente no contorno da pista deportiva e na zona de estancia máis próxima á rúa Bélxica, a intervención contempla a plantación de arborado nos xardíns, coa incorporación de especies coherentes coas xa existentes; a aposta por especies arbóreas de maior porte, coa finalidade de optimizar a sombra no contorno do parque e da área de xogos infantís, así como dos bancos de madeira, e a reposición de árbores nas aliñacións dos paseos de formigón que rodean o parque e distribúen as circulacións peonís cara as rúas e edificacións.

Un espazo axeitado para a oliveira

Neste sentido, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible anunciou a súa intención de trasladar a unha das zonas verdes que rodean o parque infantil a oliveira situada entre a Praza de España e a avenida de Montero Ríos (a carón das Ruínas de Santo Domingo). “Aproveitando que estamos a efectuar os traballos de renovación paisaxística e axardinamento desta zona verde, queremos reubicar a oliveira nun espazo moito máis axeitado que o que ocupa nestes momentos”, afirmou Iván Puentes.

O proxecto de reforma integral contempla a subministración e instalación de varias papeleiras e de puntos de recarga con catro tomas de USB de 2,1A e 5V (con dobre soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación ‘recargando’) a carón da pista de xogos multideporte. Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…) e instalarase un sistema de rega automatizado dotado de estacións reguladas por electroválvulas e un programador central.

Puentes avanzou que o parque infantil da Praza de Europa, que o seu departamento mellorou coa instalación dunha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude e que adaptou á normativa autonómica e europea en materia de seguridade, “será ampliado con máis xogos e tamén se acometerá a substitución do seu chan de herba sintética”.