Desenvolvemento Sostible pon en marcha os traballos para crear o primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra

39
  • O concelleiro socialista Iván Puentes sinala que as obras, realizadas pola empresa Vortex Estruturas Acuáticas cun orzamento de 374.640,05 euros, teñen un prazo de execución de dous meses e medio, polo que “pontevedreses de tódalas idades poderán estrear na primavera de 2023 esta espectacular área de lecer, que tamén cunha zona de xogos tradicionais presidida por un enorme castelo”

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha os traballos que permitirán crear o primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra. A agardada actuación, enmarcada dentro da estratexia de renaturalización de ríos e espazos naturais e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, será realizada pola empresa especializada Vortex Estruturas Acuáticas SL cun investimento de 309.620 euros e traducirase na creación dunha singular área de lecer dotada de chorros, difusores e elementos pensados para as familias e para nenos e nenas de tódalas idades nunha parcela de 3.400 metros cadrados situada no parque Rosalía de Castro, na ribeira do río Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses (entre as pontes de Santiago e Os Tirantes).

Iván Puentes trasladouse esta mañá ata a zona, acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para supervisar o inicio das obras, que teñen un prazo de execución de dous meses e medio, “o que significa que os pontevedreses e pontevedresas poderán estrear na primavera de 2023 esta espectacular área de lecer, que tamén contará cunha zona de xogos tradicionais elaborados en madeira de robinia de 625 metros cadrados, semellante á existente no parque das Palmeiras e presidida por un enorme castelo”. Tal e como lembrou o edil do PSOE, “a intervención prevé ademais unha mellora paisaxística de todo este contorno, con cores naturais perfectamente integrados na zona verde, novo mobiliario e espazos de confort e unha proposta enerxéticamente eficiente e sostible, coa instalación dunha chamativa iluminación con luminarias led de baixo consumo”.

O novo parque de xogos de auga ocupará unha superficie de 225 metros cadrados e disporá dunha enorme cantidade de funcións de xogo, con diversos tipos de difusores, chorros e formas de auga (de elementos con texturas de auga suave a outros con maior caudal de auga, interactivos e con efectos visuais), que se distribuirán en tres áreas: unha zona de xogo en familia, unha para os máis pequenos e outra para nenos de máis idade. Á hora de efectuar a adxudicación da obra tivéronse en conta os criterios de deseño, as solucións técnicas, as posibilidades de xogo e a capacidade (cantidade de rapaces que poden xogar ao mesmo tempo) dos elementos, tanto no que atinxe aos xogos de auga como aos ‘tradicionais’, así como as numerosas melloras ofertadas por Vortex e que están valoradas en 43.340,37 euros: o prazo de execución dos traballos redúcese dos catro meses recollidos no prego de condicións a dous meses e medio; o prazo de mantemento proposto é de 48 meses, o máximo recollido no prego, e incorpóranse numerosos xogos e elementos complementarios en ámbolos parques, incrementándose a superficie da nova área de lecer.

Un circuíto de auga ecolóxico, cun sistema automático de depuración


Entre os elementos que se instalarán inclúense activadores que permitirán activar a secuencia de auga dos xogos e que controlarán o consumo de auga, axudando a reducir o gasto innecesario; unhas Led Lights de cores vermello, verde, azul e branco cálido puro que crearán impresionantes efectos de iluminación e que estenderán as horas de uso; canóns Tube con rotación de 360º; un arco Spray Loop que xerará unha suave bruma de auga; uns soportes Helio 6, con seis chorros xiratorios para crear chaparróns refrescante, e Helio 3, con tres chorros para xerar unha nube de choiva; un xogo táctil para nenos Pico 2, con texturas únicas e un pivote acuático interactivo para iniciar ou deter o caudal de auga, e brazos Silhouette No1 cun cativante efecto de campá de auga. Segundo garantiu Iván Puentes, “tódolos xogos de auga estarán fabricados para ter unha gran durabilidade e resistir condicións ambientais desfavorables e actos vandálicos, empregándose materiais como o aceiro inoxidable e o cobre, tratándose con pinturas especiais e montándose con parafusos antivandálicos”.

O tratamento da auga do novo parque levarase a cabo mediante un sistema automático de depuración formado por unha bomba de filtración, un filtro de area e equipos de dosificación, aplicándose un filtrado e unha achega de produtos químicos que garantan que estea en condicións de cloro, PH e limpeza para un baño totalmente seguro; un controlador químico realizará lecturas da calidade da auga, enviando estas lecturas a un ‘autómata’ e detendo a bomba no caso de que esta non cumpra cos parámetros establecidos. Tódolos xogos estarán fabricados segundo a Norma Europea EN1176, con aceiro inoxidable, e dotados dun sistema de protección de pés para evitar que esta parte do corpo poida danarse ao xogar.

A superficie da zona de xogos de auga terá unha lixeira pendente para evitar a formación de charcos (do 1 ao 2% cara os sumidoiros de recollida de augas). O pavimento das áreas húmidas executarase con materiais impermeables, imputrescibles e resistentes a produtos químicos de tratamento de auga, coa finalidade de impedir a formación de fochas e a proliferación de microorganismos. Tamén será anti escorregóns en estado húmido, para previr esvaróns dos usuarios, e cunha rugosidade que non moleste ou fira as plantas dos pés descalzos.

No que atinxe ao parque de xogos ‘tradicionais’ que se creará a carón do de xogos de auga, a súa peza estrela será un enorme castelo que, ao igual que o resto dos elementos que o conformarán, estará construído en madeira de robinia, altamente duradeira e capaz de resistir a intensas condicións climatolóxicas e de uso e provinte de plantacións baixo manexo forestal responsable e sostible. “O impresionante castelo -apuntou o concelleiro Iván Puentes- disporá de numerosas opcións de xogo a nivel do chan e elevado, permitindo que unha variedade de idades xoguen xuntas e convidando a toda a familia. Este parque disporá de tres pórticos de bambáns variados, desde o bambán-cesto ata outros para nenos con diversidade funcional ou problemas de mobilidade (como un carrusel), así como de elementos para escalar e adestrar o equilibrio e a coordinación, goridas, ventás con barrotes e un tobogán. Entre as melloras que ofertou a empresa adxudicataria tamén se incluíu un circuíto de redes e xogos motrices e de equilibrio, do estilo dos que existen no parque infantil das Palmeiras. Os xogos faranse cun acabado en cores naturais, polo que toda esta área de lecer estará perfectamente integrada no contorno”.