O Plan de Prevención de Condutas Aditivas impulsado pola Concellería de Benestar Social recibe unha subvención de máis de 179.000 euros por parte da Consellería de Sanidade

9
  • O proxecto de Pontevedra foi o segundo que recibiu mellor valoración despois do de Vigo, por diante dos de Santiago de Compostela e Ourense

A Consellería de Sanidade vén de facer pública a resolución pola que se conceden as subvencións para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos por concellos, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cunha contía global que nesta convocatoria ascende a 2.513.463 euros. Segundo se constata neste documento, o departamento da Xunta de Galicia outorgoulle ao Plan Municipal impulsado pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra unha axuda de 179.055 euros, que se desglosa por anualidades do seguinte xeito: 29.842,50 € en 2022, 59.685 € en 2023, 59.685 € en 2024 e 29.842,50 € en 2025.


Tal e como apunta o concelleiro socialista Marcos Rey, “o proxecto de Pontevedra foi o segundo que mellor valoración obtivo nesta convocatoria de subvencións, só superado por Vigo (243.646,04 €) e por diante de concellos como Santiago de Compostela (173.440 €) e Ourense (157.897,86 €)”. 


Entre as accións promovidas por Benestar Social no marco do Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas, cofinanciado coa Consellería de Sanidade, inclúense os Obradoiros de Prevención de Condutas Aditivas organizados nos CEIP, IES e CIFP da cidade e dirixidos á poboación estudantil desde 5º de Primaria a 4º da ESO e ciclos de FP. Nestes talleres trabállanse tanto adiccións a substancias, como o tabaco, alcohol ou cánabo, como outras adiccións comportamentais: Internet, móbil, xogo on line, apostas ou compras impulsivas.


Para afondar nestes temas, cada grupo de aula recibe unha formación de 4 horas no caso de Primaria e de 5 horas no caso de Secundaria e FP. Estas sesións adáptanse á súa idade e serven para desmontar mitos e analizar os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas, traballando as consecuencias do consumo ou mal uso e reforzando a actitude crítica para facer fronte á presión grupal. Educadores/as expertos en prevención de condutas aditivas e cunha ampla bagaxe no traballo grupal encárganse de coordinar estes obradoiros.