O Ganapán do Nadal arrinca este venres cunha programación que encherá o Mercado de Abastos da maxia do bulicio infantil

30
  • Entre as actividades deseñadas no Gastroespazo pola Concellería de Promoción Económica, destinadas a nenos e nenas de 4 a 10 anos, inclúense a elaboración de receitas de Nadal como galletas ‘bicos de anxo’, biscoito de Noiteboa, polvoróns ‘realfooding’, trufas de mazapán e chocolate branco e piruletas sorpresa dos Reis Magos
  • Os rapaces que participen nos obradoiros creativos poderán deseñar tarxetas ‘pop-up’ de Nadal, elfos máxicos, bonecos de neve, monicreques do Apalpador, agasallos de Reis personalizados, árbores de Nadal e enfeites de arxila e de cartón e fío

A amplísima programación infantil impulsada pola Concellería de Promoción Económica na Alameda e o Recinto Feiral a través de Ponte Xogos e Nadal Xogos completarase este venres 23 de decembro co inicio do agardado Ganapán de Nadal, que desenvolverá ata o domingo 8 de xaneiro no Gastroespazo do Mercado de Abastos un atractivo abano de talleres de Nadal especialmente orientados a nenos e nenas de 4 a 10 anos. Entre as actividades que encherán a Praza Municipal da maxia do bulicio infantil inclúense obradoiros de elaboración de receitas de Nadal tan apetitosas como galletas ‘bicos de anxo’, biscoitos de Noiteboa, polvoróns ‘realfooding’, brunch de Nadal (mini quiches de pera e queixo e strudel rolls de mazá), trufas de chocolate negro e de mazapán e chocolate branco, galletas estrela de froitos vermellos, ‘bandullo’ ou pudin galego, plum cakes, filloas de arandos, sándwich ‘croque-monsieur’, piruletas sorpresa dos Reis Magos e galletas ‘rosco de laranxa’.


Ademais, os rapaces que se sumen á festa do Ganapán durante estas xornadas de Nadal terán ocasión de participar en actividades creativas nas que deseñarán tarxetas ‘pop-up’, elfos máxicos, enfeites de arxila e de cartón e fío, bonecos de neve, campás, árbores de Nadal, monicreques do Apalpador, agasallos de Reis (bolsos e pulseiras personalizadas), ovos sorpresa, spinner de cores, imáns de Nadal e coroas reais. A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que “os talleres celebraranse tódolos días, agás o domingo 25 de decembro, o domingo 1 de xaneiro e o venres 6 de xaneiro, en horario de 11:30 a 13:30 horas”.


“Os nenos e nenas que desexen asistir -sinala a edil do PSOE- deben reservar a súa praza previamente no email oganapan@gmail.com, indicando o nome e apelidos, a idade, un teléfono de contacto e o día e hora no que os rapaces queren inscribirse (unha información imprescindible para que a inscrición sexa válida). Darémoslles prioridade aos pequenos e pequenas que se inscriban por primeira vez e que non tivesen participado en ningún dos obradoiros nas últimas dúas semanas. As prazas restantes encheranse por estrita orde de chegada da solicitude de inscrición e tendo en conta a última ocasión que participaran no Ganapán. Aqueles que se inscriban e non acudan ao taller solicitado (e non avisen da súa ausencia) deberán agardar un mes para poder formalizar unha nova inscrición. As persoas solicitantes que finalmente entren no obradoiro recibirán unha notificación por correo electrónico, como máximo o día anterior á realización da actividade. Haberá lista de agarda e, no caso de que teñamos baixas, contactarase cos seguintes na quenda”.


Yoya Blanco prega puntualidade e recomenda a tódolos rapaces participantes acudir coa súa friameira para levar a casa as deliciosas receitas de Nadal que cociñen.