A exposición itinerante de O Teu Cole na Historia comeza a viaxar polos centros escolares de Pontevedra

24
  • A mostra, impulsada pola Concellería de Educación en colaboración co equipo creativo de Polo Correo do Vento, compleméntase con actividades didácticas, pictóricas e musicais, das que xa puideron desfrutar as comunidades educativas dos CEIP Manuel Vidal Portela e A Xunqueira II

A Concellería de Educación acaba de poñer en marcha unha exposición itinerante que levará o proxecto O Teu Cole na Historia polos centros escolares de Pontevedra, que se desenvolverá ao longo deste curso escolar e que tamén se exhibirá en diversos espazos públicos da cidade. A mostra, impulsada en colaboración co equipo creativo de Polo Correo do Vento, compleméntase con actividades didácticas, pictóricas e musicais, das que xa puideron desfrutar as comunidades educativas dos CEIP Manuel Vidal Portela e A Xunqueira II.

A exposición coincide coa distribución de 2.000 exemplares do libro no que se explican tódolos murais realizados nos 21 colexios de Infantil e Primaria participantes nesta iniciativa, coa que se pretende poñer en valor os elementos etnográficos, patrimoniais, arquitectónicos e senlleiros que trazan a súa crónica. Editado por Polo Correo do Vento e maquetado por Lela Edicións, este libro de 184 páxinas recolle ademais información de interese e curiosidades sobre os colectivos, edificios, elementos patrimoniais e etnográficos, espazos naturais e personaxes ligados á historia dos centros e dos seus contornos.


Os centros que participan no proxecto O Teu Cole na Historia, e que protagonizan esta publicación, son os CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira, Vilaverde (Mourente) e Marcón; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido. Esta primeira edición do libro conta cunha tirada de 2.000 exemplares, que serán distribuídos entre os centros escolares. 


A idea da Concellería de Educación é que a exposición itinerante poida visitar cada un dos centros antes de facela chegar ao público en xeral en espazos céntricos de Pontevedra.