A VIII edición da Gladiator Race de Pontevedra abre as súas inscricións cunha oferta especial de lanzamento

195
  • A proba, organizada pola firma Noko 360 en colaboración coa Concellería de Deportes, desenvolverase en pleno corazón da Illa das Esculturas entre os días 3 e 4 de xuño de 2023

A Gladiator Race, unha das ‘clásicas’ por excelencia do deporte de obstáculos e resistencia extrema, regresará o vindeiro ano a Pontevedra para celebrar a súa VIII edición en pleno corazón da Illa das Esculturas entre os días 3 e 4 de xuño. Todas aquelas persoas interesadas en participar na proba organizada pola firma Noko 360 en colaboración coa Concellería de Deportes, coa que porán ao límite a súa fortaleza física e mental, xa poden inscribirse na mesma a través do enlace https://www.deporticket.com/web-evento/7918-gladiator-race-pontevedra, podendo beneficiarse dunha oferta especial de lanzamento.


En base ao calendario previsto pola organización, o sábado 3 de xuño tocaralles a quenda aos gladiadores e gladiadoras das probas Warrior e Rocket, dúas distancias adaptadas a todo tipo de #gladiators:


– Warrior: +8km e +35 obstáculos que farán desfrutar aos participantes dun evento único, con dificultades de tipo e con algunha que outra novidade para este 2023.


– Rocket: +5km e +25 obstáculos, para aqueles gladiadores cunha preparación non tan esixente e onde se eliminan os obstáculos con maior dureza (sen perder nin un ápice de adrenalina).


O domingo 4 de xuño será a quenda para os máis pequenos na Gladiator Kids, orientada a nenos e nenas de 3 a 12 anos, que irán sempre acompañados dun adulto e con diferentes distancias adaptadas ás súas idades.


Poden descargar o formulario de inscrición no link https://www.deporticket.com/web-formulario/20466-inscripcion-general.