A festa do Nadal arrinca este venres na Alameda e o Recinto Feiral cun universo de ilusión e divertimento que incluirá inchables de fantasía, un iglú con mesas de luz, unha piscina de bolas, un tobogán de xeo xigante e karts eléctricos

468
  • Os programas Ponte Xogos e Nadal Xogos, impulsados pola concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, desenvolverán ata o 8 de xaneiro actividades deseñadas para nenos e nenas de diferentes idades e para desfrutar en familia, con obradoiros de baile, contacontos, postais de Nadal, xogos tradicionais, churros e visitas de Papá Noel
  • A espectacular Aldea de Nadal que se está a instalar na Alameda será iluminada por tres quilómetros de luces Led e tamén albergará o photocall/bola de ‘cristal’ que estaba emprazada ás portas do Mercado de Abastos para protexela de novos actos vandálicos

Os nenos e nenas de Pontevedra que se acheguen ata a Alameda e o Recinto Feiral a partir deste venres 16 de decembro poderán somerxerse de cheo nun universo de Nadal, ilusión e divertimento infinitos que a Concellería de Promoción Económica, que dirixe a socialista Yoya Blanco, deseñou no marco dos agardados programas Ponte Xogos e Nadal Xogos. Inchables de fantasía, xogos tradicionais, zumba para a rapazada, contacontos, postais de Nadal, baile en familia, un iglú con mesas de luz, unha piscina de bolas, un tobogán de xeo xigante ou karts eléctricos, son só algunhas das sorpresas que agardan aos máis pequenos durante estes días de festa, nos que, por suposto, tamén recibirán a visita de Papá Noel.


O programa de actividades que Ponte Xogos desenvolverá na espectacular Aldea de Nadal que diversas empresas da comarca están a instalar na Alameda distribuirase en diferentes ambientes, con actividades divididas por franxas de idade:


– Carpa Folerpa: para nenos e nenas de 0 a 2 anos

– Carpa Vagalume: de 3 a 6 anos- Carpa Lóstrego: de 7 a 12 anos

– Carpa Efémera (Espazo Familias): aberta a tódolos públicos


As instalacións, que estarán iluminadas por tres quilómetros de luces Led, contarán cun Espazo Ártico, un Iglú dotado con mesas de luz cun aforo de 5 persoas; un Espazo Balea, orientado á lectura e do que tamén poderán facer uso os menores acompañantes maiores de dous anos (cun aforo de 8 persoas), e un Espazo Pingüín, na que os cativos poderán gozar ‘nadando’ nunha piscina de bolas (tamén con capacidade para 8 nenos/as, que estarán vixiados en todo momento). Tralos actos de vandalismo orquestado que sufriu durante a pasada semana, a Concellería de Promoción Económica tamén reubicou nesta Aldea de Nadal a fastuosa bola de ‘cristal’/photocall que se atopaba ás portas do Mercado de Abastos.


O Ponte Xogos 2022 disporá ademais de servizos de gardarroupa (con número de recollida), paraugueiro e aparcadoiro de carriños de bebé (tamén con número de identificación); espazo de lactación e cambio de cueiros (cun calefactor), e mesmo un recuncho con xoguetes destinado aos e ás menores que acudan á Carpa Folerpa acompañando aos cativos e cativas de 0 a 2 anos.


Unha irrexeitable proposta que esta mañá presentada foi presentada na Alameda por Yoya Blanco e que terá horario de tarde, de 16:30 a 19:30 horas, entre os días 16 e 22 de decembro (xa que os nenos aínda teñen clases nesta semana); e de mañá e tarde, de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, do 23 de decembro ao 8 de xaneiro. Tal e como explicou a concelleira de Promoción Económica, as carpas só pecharán o 25 de decembro, o 1 de xaneiro, o 5 de xaneiro pola tarde e o 6 de xaneiro (tanto o 24 como o 31 de decembro tamén pecharán un pouquiño máis cedo, ás 19:00 horas).


“Para poder acceder ás carpas de Ponte Xogos cada neno/a menor de 12 anos deberá amosar o tícket dunha compra realizada no comercio local nos meses de decembro e xaneiro, sen establecerse un importe mínimo de gasto (o tícket será selado e non se poderá volver a empregar para acceder de novo). As actividades da Carpa Efémera están orientadas a tódolos públicos -sinalou a edil do PSOE-, con aforo controlado e preferencia de acceso para as familias con menores con necesidades especiais. Entre as actividades previstas contémplanse zumba para nenos/as, storytime, inchables, xogos tradicionais, baile en familia, postais de Nadal, contacontos e visitas de Papá Noel”.


O mesmo requisito, o de amosar un recibo dunha compra efectuada no comercio local, permitirá tamén acceder ao Recinto Feiral entre os días 16 de decembro e 8 de xaneiro, en horario de tarde, de 16:30 a 20:30 horas, para desfrutar da tentadora proposta de Nadal Xogos (o horario será de 16:30 a 18:30 horas os días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, e pechará o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro). Segundo avanzou Yoya Blanco, “un tobogán de xeo xigante, inchables e karts eléctricos serán algúns dos principais atractivos que ofrecerá un Nadal Xogos cheo de obradoiros e actividades e que contará con cunha churrería, Zona Baby e Zona Xuvenil”.


O mercado de artesanía Ponte Nadal trasládase á Praza de España e a do Teucro contará cun poboado de Nadal


Ademais de presentar as actividades da Alameda e o Recinto Feiral, a concelleira socialista anunciou que, á marxe da árbore de Nadal, “tamén se está instalar na Praza de España unha carpa que acollerá o tradicional mercado de artesanía de Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM) ‘Ponte Nadal’, que se traslada este ano aquí e, precisamente para non incomodar ás terrazas dos locais de hostalería, o que se vai poñer na Praza do Teucro, como o ano pasado, será unha decoración: un poboado de Nadal realizado pola Asociación Virxe da O, á que agradezo enormemente o seu traballo”. “Agardo que ao longo da xornada de mañá xa estea totalmente montada, porque estou desexando achegarme ao Teucro para ver o resultado desta decoración, asegurou Yoya Blanco.


A edil socialista destacou que máis de dez empresas emprazadas na cidade e na comarca están a traballar para facer realidade estas paisaxes de Nadal “que son unha verdadeira pasada e que deixarán a todo o mundo coa boca aberta en canto estean rematadas”.