Pontevedra traza a súa folla de ruta para afianzarse como Capital Gastro en 2023

71
  • Entre as novidades presentadas pola concelleira Yoya Blanco e a experta Eva Ballarín, membro do Consello Nacional de Turismo de España, inclúense a estrea dunha sede física de Pontevedra Capital Gastro no Gastroespazo do Mercado de Abastos, o impulso de experiencias nas que os produtos con selo de calidade sexan os protagonistas e o deseño de guías de produtos de tempada, os eventos M2=Música&Marisco
  • O calendario deseñado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo regresará con eventos xa consolidados, como a Festa das Cunchas, o Avoa Fest ou o Mestizaxes, e apostará por ter presenza nas principais feiras nacionais e internacionais de Turismo

Crear un proxecto sólido que estimule a economía e faga crecer a actividade empresarial da cidade en torno á gastronomía e converter a Pontevedra nun referente nacional do turismo gastronómico son algúns dos principais obxectivos que a Concellería de Promoción Económica e Turismo se marcou para o 2023. Unha folla de ruta coa que se pretende afianzar o posicionamento da Capital Gastro e que se vertebrará en torno a un completo programa de eventos e actividades gastronómicos e institucionais que se desenvolverá mes a mes, durante as catro estacións.

Un apetitoso calendario no que regresarán eventos xa consolidados, como a Festa das Cunchas, o Avoa Fest ou o Mestizaxes, que impulsará foros como o Think Tank, e que se estruturará sobre os seguintes eixos:


– Inverno Gastronómico: Gastronomía Socialmente Responsable (xaneiro, febreiro e marzo).

– Primavera Gastronómica: Gastronomía Sostible (abril, maio e xuño).

– Verán Gastronómico: Dieta Atlántica (xullo, agosto e setembro).

– Outono Gastronómico: Innovación e Gastronomía (outubro, novembro e decembro).


Entre as novidades que traerá consigo o novo ano inclúese a estrea dunha sede física de Pontevedra Capital Gastro no Gastroespazo do Mercado de Abastos, onde acontecerán a maior parte das actividades deseñadas. Ademais da programación que se irá desvelando cada trimestre, tamén se desenvolverán unha serie de proxectos ao longo de todo o ano, con periodicidade mensual:


– Experiencias con selo de calidade. En Galicia temos 36 selos de calidade de produto gastronómico: elaborados como viños, pans, queixos, meles, licores, tarta de Santiago e lacón; e aqueles que veñen directamente do produtor, vexetais, carnes e mexillóns. Cada mes dedicarase a tres deses produtos, a coñecelos en profundidade, maridalos e degustalos.


– Guía de produtos de tempada, por meses: que indicarán quenes son os produtores, onde se poden atopar e como sacarlles o mellor rendemento.


– M2=Música&Marisco. Eventos nos que se maridará música en directo e un marisco cada mes.


– De feira en feira. Presenza nas principais feiras nacionais e internacionais de Turismo.


Uns eixos vertebradores que foron presentados esta mañá no Concello nun acto no que a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, estivo acompañada pola recoñecida investigadora, divulgadora e experta en Turismo & Horeca Eva Ballarín, membro do Consello Nacional de Turismo de España e madriña da aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos Capital GastroLab. Tal e como subliñou Yoya Blanco, “Pontevedra Capital Gastro é xa unha marca consolidada, con eventos como a Festa das Cunchas, o Mestizaxes ou o Avoa Fest, que se van repetir en 2023, e que este ano traerá como unha das súas principais novidades a estrea dun emprazamento físico no Gastroespazo, o que producirá unha importante dinamización do espazo gastronómico do Mercado coa celebración dun montón de eventos”. “En breve -engadiu a edil socialista- sacaremos ademais a licitación os postos vacantes. Estamos unicamente á espera dun informe dos servizos técnicos. A nova sede converterase non só nun punto de información e referencia, senón tamén no espazo no que se celebrarán eventos como o M2”.


Unha aposta respaldada por fondos da UE

Yoya Blanco lembrou que a aposta de Pontevedra pola gastronomía conta co respaldo “de cartos de Europa, de fondos Next Generation, para facer realidade tódolos seus proxectos”. En concreto, a concelleira do PSOE indicou que o Plan de Sostibilidade Turística en Destino contempla unha achega económica duns 420.000 euros a Pontevedra Capital Gastro entre 2023 e 2024, así como uns 60.000 euros para o impulso de fam trips, blogtrips e feiras virtuais. “Temos proxecto e cartos, polo que se presenta un 2023 entusiasta. Estudaremos se nos compensa ou non presentar a nosa candidatura a Capital Española da Gastronomía (CEG) 2024. En todo caso, máis aló deste título, traballamos por unha marca e por unha actividade económica para a cidade”, asegurou Blanco.


Eva Ballarín resumiu o traballo realizado en 2022 como “moi intenso, de moita análise e valoración dos factores máis estratéxicos que poden respaldar un proxecto de éxito como é Pontevedra Capital Gastro, e sobre todo, de extrema planificación para poder presentar un futuro tanxible e real”. Un porvir que, na súa opinión, debe ter un obxectivo moi claro, “que é estimular a economía e facer crecer a actividade empresarial da cidade, convertendo a Pontevedra en referente do turismo gastronómico”.

“A gastronomía é un dos factores clave que impulsan ao turismo de calidade a visitar un territorio -sinalou a experta-, de dinamización da economía e que contribúen a xerar unha marca de territorio que é moi potente e que beneficia ao conxunto da sociedade. O turismo gastronómico nos axuda a captar a un visitante de valor, que debe cumprir tres requisitos: achegar un rendemento económico ao territorio, un gasto interesante; ter unha relación de respecto con ese territorio, e converterse en embaixador dese territorio cando regresa á súa rexión de orixe, falando ben de nós e recomendándonos. Ese é un dos grandes obxectivos da aposta polo turismo gastronómico, o de captar visitantes de valor”.


Segundo sinalou a prestixiosa divulgadora, tanto a Gastronomía Socialmente Responsable como a Sostibilidade son “dous hot topics que a todos nos preocupan, xa que non imos ter unha boa gastronomía se non a facemos responsable e sostible”. Ademais, apuntou Eva Ballarín, “a gastronomía debe estar vencellada ao territorio, de aí que o terceiro eixo sexa a Dieta Atlántica, e tampouco pode faltar a Innovación, que é outra desas claves para poder seguir crecendo dun xeito máis creativo e máis axeitado ao que hoxe moitos buscamos cando viaxamos”.


Ballarín explicou que estes catro eixos se van artellar trimestralmente en actividades que contribuirán “a que o propio sector teña máis coñecemento do produto e dos produtores e de como ofrecer servizos e negocios responsables, o que nos levará a unha maior profesionalización dun sector fundamental para poder ter un destino competitivo”. Asemade, Pontevedra Capital Gastro buscará “xerar moito orgullo, entender ben o seu produto, como se elaboran, a súa historia e, en definitiva, empaparse da cultura gastronómica do territorio”.


“Por ese motivo, unha das actividades programadas serán as experiencias con selo de calidade, que permitirá dar a coñecer ese catálogo de produtos. Para aterralos á realidade e achegarnos ao produtor, hai que elaborar guías de produtos de tempada. Un terceiro obxectivo, sería o de implicar á poboación dunha forma dinámica, fresca, divertida, que acolla a tódalas xeracións e gustos, e aí é onde se lanza o M2, que é Música e Marisco, é dicir, eventos nos que se maridan harmonías que van máis aló da gastronomía. E partindo da frase ‘Santo que non é visto, non é adorado, se non lle damos visibilidade a todo este traballo, tampouco chegaremos moi lonxe, e por iso Pontevedra debe estar presente nas principais feiras de gastronomía e turismo”, afirmou Eva Ballarín.


Para a experta, Pontevedra Capital Gastro 2023 preséntase como “un proxecto sólido, moi ben pensado e planificado, estratéxico, vencellado á identidade do territorio, contando cos seus actores clave, con implicación pública e privada”.