As obras da reforma viaria de Barcelos comezarán en xaneiro e serán acometidas en dez fases distintas

33
O Concello investirá 1.941.000 neste proxecto, que cristalizará nunha reforma integral de todo o perímetro da praza
Nos doce meses que se estima de actuacións, o plan de circulación ideado por EC Casas, servizos técnicos e Policía Local permitirá o acceso a garaxes e negocios en todo momento  

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, deu conta esta mañá dos asuntos tratados na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos celebrada a primeira hora da mesma. A maiores dos distintos informes e mocións presentadas, o edil quixo anunciar que o inicio da reforma integral dos viais da praza de Barcelos queda programado para o luns, 16 de xaneiro do 2023.

«Está xa practicamente rematada a tramitación do Concello e poderíamos comezar nos vindeiros días», explicou Gómez. «Decidimos agardar até o 16 de xaneiro para deixar libre todo o período de Nadal, un período de vendas importantes, tamén a primeira semana de rebaixas, sen obras. A partir dese intre iniciaremos as actuacións».

A obra conta cun investimento de licitación próximo aos 2.071.000 euros, gañada por EC Casas no seu día ao presentar un orzamento de 1.941.000 euros aos que habería que sumar os 176.000 euros da mellora que é o novo transformador da colexio de Barcelos —asumidos pola nomeada empresa, que agardará a realizar este traballo aos meses de verán—.

A obra será executada por fases, chegando a haber dez etapas diferentes, segundo sinalou o  este martes o concelleiro de Mobilidade, «ao ser un proxecto tan grande». «Non podemos facelo todo de seguido e á vez, así que iremos por fases. Cada unha delas foi deseñada en colaboración pola Policía Local, a empresa e os servizos técnicos do Concello. O obxectivo non é outro que facer que estes traballos inflúan o menos posíbel na vida cotiá da veciñanza e dos comerciantes da zona».

Cada unha das dez fases, excepto a primeira que non implicará reordenación algunha do tráfico, derivará nalgunhas mudanzas temporais na circulación de vehículos. Cómpre sinalar que a parte peonil da praza nunca se verá restrinxida

A reforma comezará pola zona máis próxima á Rúa Rouco, xunto ao colexio, namentres as sucesivas fases irán seguindo o trazado da praza cara Perfecto Feijóo —seguindo un movemento contrario as agullas do reloxo deixando Santa Clara ao norte—, cuxo entronque con Barcelos será o último tramo en ser rehabilitado.

A obra ten un plan de execución de doce meses, en ningún dos cales estará cortado o acceso á praza para a xente que o precise, se ben o xeito de acceder a ela si irá mudando, polo que o Concello irá informando das diferentes fases e do seu actual estado.