Yoya Blanco asiste ao inicio do curso gratuíto de Operacións Básicas de Restaurante e Bar impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración con Ara Formación

27
  • A formación, de 120 horas (80 teóricas e 40 prácticas), será impartida a un grupo de 16 persoas, que coñecerán a aplicación das normas e condicións hixiénico-sanitarias en restauración e aprenderán a utilizar a dotación básica do restaurante e a desenvolver a asistencia no preservizo

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu esta mañá no centro Ara Formación (rúa Nova de Arriba, 1) o inicio do curso gratuíto de Operacións Básicas de Restaurante e Bar impulsado polo seu departamento para mellorar as posibilidades de inserción laboral dos beneficiarios. A acción formativa, que terá unha duración de 120 horas (80 teóricas e 40 de prácticas non laborais en empresas do sector), será impartida a un grupo de 16 persoas, que terán a oportunidade de coñecer a aplicación das normas e condicións hixiénico-sanitarias en restauración e de aprender a utilizar a dotación básica do restaurante e a desenvolver a asistencia no preservizo.


Tal e como subliñou Yoya Blanco, trala boa acollida dos cursos de Operario de Almacén e Carretilla Elevadora e de Aplicador/Manipulador de Produtos Fitosanitarios, tamén organizados en colaboración con Ara e con resultados palpables a nivel de empregabilidade, “esta formación que hoxe poñemos en marcha era moi agardada, xa que permitirá optimizar a capacitación nun ámbito como o da restauración, cunha demanda cada vez máis elevada de persoal formado e profesionalizado”.


Entre os contidos que se abordarán neste curso inclúense a aplicación das normas e condicións de seguridade nas zonas de produción e servizo de alimentos e bebidas; as condicións específicas de seguridade que deben reunir os locais, as instalacións, o mobiliario, os equipos, a maquinaria e o pequeno material característicos das mesmas; o cumprimento das normas de hixiene alimentaria e manipulación de alimentos; a responsabilidade da empresa na prevención de enfermidades de transmisión alimentaria; as fontes físicas, químicas e biolóxicas de contaminación dos alimentos; o manexo de residuos e desperdicios; a limpeza e desinfección; o control de pragas; o etiquetado dos alimentos; os produtos de limpeza de uso común, e as normas de almacenaxe, así como o uso de prendas de protección e de uniformes de cociña e do persoal de restaurante-bar. Asemade, o alumnado adentrarase no coñecemento do restaurante tradicional como establecemento e como departamento, afondando no uso da dotación básica e na asistencia no preservizo.