Yoya Blanco anima ao comercio local a sumarse ao Concurso de Escaparates de Nadal para encher as rúas de ilusión e lembra que o prazo de inscrición aínda permanecerá aberto ata o luns 12 de decembro

77
  • A concelleira de Promoción Económica e Turismo constata “o enorme nivel dos decorados que xa exhiben os escaparates dos establecementos” e lembra que, á hora de valoralos, o xurado terá en conta aspectos como a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final

Os establecementos comerciais de Pontevedra que desexen participar no Concurso de Escaparates de Nadal impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo aínda teñen ata as 15:00 horas do vindeiro luns 12 de decembro para inscribirse no certame, organizado co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade de cara á campaña de Nadal, animando á veciñanza e aos turistas a facer as súas compras; fomentar a cultura da innovación e a calidade no sector comercial, e embelecer as vitrinas da nosa cidade con propostas orixinais e creativas. Para facelo, deberán enviar unha solicitude por medios electrónicos a través do email escaparatesconcellopontevedra@gmail.com, incluíndo os seguintes datos: nome completo e teléfono de contacto, nome do comercio, breve memoria explicativa (un máximo de medio folio) do escaparate a concurso e dúas fotografías.


A concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, anima a todo o comercio local a sumarse a este concurso “para encher as nosas rúas de ilusión” e constata “o enorme nivel dos decorados que xa exhiben os escaparates dos establecementos”. Tal e como lembra a edil do PSOE, á hora de valoralos (de 0 a 10 puntos), o xurado terá en conta aspectos como a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final.

Poderán participar neste certame tódolos establecementos comerciais minoristas e negocios de servizos de Pontevedra que conten con escaparates visibles dende a vía pública. A temática do mesmo é o Nadal, con total liberdade no que atinxe á súa interpretación, deseño, técnica e estilo.


Entre tódolos escaparates presentados a concurso, os membros do xurado realizarán unha selección de 10 finalistas entre os días 15 e 26 de decembro, reservándose a opción de visitar individualmente os escaparates seleccionados. O público poderá realizar as súas votacións sobre estes 10 finalistas elixidos polo xurado, a través da aplicación Easypromos, entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro: os tres máis votados sumarán 10, 6 e 3 puntos en función dos ‘me gusta’ acadados.


Establécense dúas categorías de galardóns: os premios aos escaparates dos establecementos participantes (resultado da puntuación do xurado máis a do público a través de Easypromos), dotados de 1.300 (1º), 800 (2º), 500 (3º) e 200 euros (4º); e os premios outorgados ao público que participe emitindo o seu voto, consistentes en 10 vales de 60 euros para gastar nos comercios inscritos.

Os gañadores dos escaparates e os premios dos votantes daranse a coñecer o día 9 de xaneiro de 2023, mediante a súa publicación na páxina web e redes sociais do Concello de Pontevedra, e tamén mediante chamada telefónica.
As persoas participantes comprométense a manter os escaparates decorados e visibles ao público entre os días 13 de decembro e 6 de xaneiro. Tódolos establecementos recibirán carteis promocionais que deberán estar visibles no escaparate. Ademais, os 10 finalistas disporán de cartelería con códigos QR que darán acceso á votación online.