O Ganapán adéntrase no Nadal esta fin de semana con talleres de elaboración de galletas de avea e mazá e biscoito de laranxa e obradoiros creativos de confección de xeados máxicos e colares ‘al dente’

28
  • Os nenos e nenas de 4 a 10 anos que desexen participar nas actividades do programa de lecer infantil impulsado no Gastroespazo pola Concellería de Promoción Económica deberán reservar a súa praza a través do email oganapan@gmail.com

Trala estrea do flamante decorado e da iluminación que a Concellería de Promoción Económica e Turismo instalou no Mercado de Abastos, a iniciativa de lecer infantil O Ganapán adentrarase no Nadal esta fin de semana cun programa de actividades tan doce como creativo. Así, a diversión dará comezo no Gastroespazo da Praza Municipal o sábado 10 de decembro cun taller de elaboración dunhas nutritivas e saudables galletas de avea e mazá e outro no que a rapazada terá ocasión de confeccionar uns xeados máxicos, que nunca se derreten.


Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “para o domingo 11 de decembro está previsto un obradoiro no que os pequenos poderán cociñar un delicioso biscoito de laranxa caseiro con todo o sabor e o aroma tradicional, e un no que traballarán con pasta, pero non para elaborar receitas italianas, senón para deseñar uns colares ben vistosos”. Tódalas actividades están orientadas a nenos e nenas de 4 a 10 anos e desenvolveranse en horario de 11:30 a 13:30 horas.


“Aqueles que desexen participar -apunta a edil do PSOE- deberán reservar praza no correo electrónico oganapan@gmail.com, indicando no email as posibles alerxias ou intolerancias… E que ninguén esqueza a súa friameira para levar a casa as receitas cociñadas”.