Iván Puentes pon en marcha as obras de renovación paisaxística e mellora da seguridade do parque Maruxa Mallo

78
  • O proxecto foi adxudicado á empresa Cespa por un orzamento de 57.831,15 euros, ten un prazo de execución de dous meses e inclúe a eliminación da contaminación acústica na pista de fútbol, a instalación dun valado de aceiro e madeira no noiro existente e a potenciación deste espazo verde do barrio da Parda como zona de socialización e convivencia, coa dotación de áreas de estancia e novo mobiliario

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata o barrio da Parda para supervisar os traballos de renovación paisaxística e mellora da seguridade que o seu departamento vén de poñer en marcha no parque Maruxa Mallo, situado entre as rúas Diego Sarmiento Acuña, Virxinia Pereira e Pintora Maruxa Mallo. As obras de reforma integral desta área verde, deportiva e de lecer infantil, adxudicadas á empresa Cespa SA cun orzamento de 57.831,15 euros, teñen un prazo de execución de dous meses e inclúen a optimización das condicións de seguridade do noiro existente mediante a instalación dun valado de aceiro galvanizado e madeira para evitar caídas de nenos e adultos que circulan polo contorno e xogan na cancha de fútbol; a eliminación da contaminación acústica mediante o cambio do actual peche da devandita pista por un pechamento anti sonoro ao longo de todo o perímetro, e a potenciación de todo este espazo como zona de socialización e convivencia, coa dotación de lugares de estancia e novo mobiliario.

As obras tamén se traducirán nun axardinamento axeitado do noiro e do resto das zonas verdes que rodean á pista e ao parque infantil, así como na instalación dun sistema de rega moderno e sostible que permitan unha boa conservación. “Como guinda a esta intervención, unha vez rematadas estas actuacións, acometeremos a renovación da pista deportiva, pintándoa e instalando novas porterías”, avanzou Iván Puentes durante a súa visita.

Tal e como apuntou o concelleiro do PSOE, “o proxecto busca acadar unha mellora do valor paisaxístico deste espazo a través dunha óptima composición a nivel de xardinería, incrementar a capacidade de acollida e confort do parque Maruxa Mallo, que disporá de novos bancos, papeleira e fonte, e en definitiva, convertelo nun punto de socialización comunitaria, ao crear lugares de encontro e realización de actividades de lecer a través da instalación de zonas de estancia con mesas e bancos corridos de madeira no contorno da pista de fútbol”. Os traballos iniciados tamén se están a centrar na recuperación dos carreiros existentes no contorno do parque, que se atopaban deteriorados pola formación de pequenas escorrentías de auga da choiva e polo frecuente paso de persoas, contemplándose a creación de sendeiros na zona norte.

Coa finalidade de garantir unha axeitada relación sol/sombra, formúlase unha proposta de plantación de arborado nos xardíns, nos que se incorporarán especies coherentes coas existentes tanto a nivel de volumetría como de composición xeral. En concreto, a especie proposta para o contorno do parque infantil será o bidueiro, e ao leste da zona de xogos a tipuana, que tamén se plantará para dar sombra no lateral da cancha de fútbol. Nas zonas norte e sur empregarase o aligustre variegado e, de xeito singular, plantaranse dous braquiquitos vermellos (brachychiton acerifolius) nas áreas próximas ás novas zonas de convivencia.

A incorporación dun estrato arbustivo neste parque é imperativa para superar o actual estado de xardín inacabado que presenta este espazo, en particular a zona do noiro, polo que se formula unha composición con diversas especies arbustivas e vivaces que garantan unha axeitada calidade paisaxística ao longo de todo o ano.

O proxecto plantexa a instalación dun sistema de rega automatizado mediante o soterrado de tubarías, por goteo en zonas arbustivas do noiro e aspersión e rega con difusores no céspede (o último para as franxas máis estreitas). Este sistema será centralizado mediante electroválvulas en arquetas para a automatización mediante programador.

A renovación paisaxística deseñada para o Parque Maruxa Mallo contempla ademais a colocación de tres conxuntos de mesas con dous bancos corridos accesibles en cada unha distribuídas entre as árbores. Asemade recolocaranse os tres bancos existentes no interior da zona verde, á beira do camiño contiguo á pista de fútbol e do parque de xogos. Os bancos de pedra serán pulidos e dotados de repousabrazos metálicos e respaldo en madeira. Do mesmo xeito, substituirase a fonte de auga, actualmente moi deteriorada, e instalaranse catro papeleiras no contorno e nas zonas de acceso ao parque.