O Mercado de Abastos acende o Nadal de Pontevedra

58
  • Os concelleiros de Promoción Económica e Desenvolvemento Sostible, Yoya Blanco e Iván Puentes, presidiron o acto de inauguración do espectacular decorado e alumeado instalados na Praza Municipal, ao que asistiron o edil socialista Marcos Rey; a parlamentaria Paloma Castro; os ‘populares’ Pepa Pardo e Guillermo Juncal; o presidente da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), José María Corujo; o da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje), Jesús Rey; o de Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCUZM), Miguel Lago; representantes de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), militantes do PSOE e numerosos cidadáns que se achegaron para sacar a primeira foto do Nadal no photocall/bola de ‘cristal’ situado ás portas do edificio da rúa Serra

“Podemos dicir que, con esta espectacular decoración, xa entramos por fin no Nadal. A ponte de decembro é unha data estupenda para comezar coa decoración, como facemos moitos e moitas nas nosas casas, e en breve comezaremos tamén a instalar as cinco carpas de Ponte Xogos na Alameda. Convido a toda a cidadanía a que se achegue ata o Mercado de Abastos para facer a súa primeira foto de Nadal no photocall/bola de ‘cristal’ instalada diante da Praza e, por suposto, merque no comercio local, desfrute da nosa hostalería e dos seus escaparates (está en marcha un Concurso de Escaparatismo)”. Con estas palabras inaugurou esta mañá a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, a fastuosa decoración e alumeado instalados no edificio da rúa Serra polo seu departamento, en colaboración coas firmas especializadas Inbloom (de Begoña Méndez) e Grupo Xesdavi, nun acto no que participaron os seus compañeiros, os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey, edís de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Social; a parlamentaria Paloma Castro; os ‘populares’ Pepa Pardo e Guillermo Juncal; e representantes de colectivos da hostalería, o comercio e a empresa, como o presidente da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), José María Corujo; o da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje), Jesús Rey; o de Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCUZM), Miguel Lago; e voceiros dos Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), así como militantes do PSOE e numerosos cidadáns.

Blanco sinalou que “este atrezzo lucirá con todo o seu esplendor cando se poña o sol, somerxéndonos de cheo nun océano de ilusión”. Os elementos decorativos e de iluminación que exhibe o Mercado de Abastos, nos que se fixo un investimento de máis de 40.000 euros, despregan un universo de fantasía protagonizado por tres fascinantes peixes artísticos con iluminación interior (un de 2,50 metros de lonxitude e outros dous dun metro) que presidirán a fachada; tres esferas inchables: unha bola de 80 cm de diámetro, unha de 60 cm e outra de 50 cm; unha burbulla photocall de dous metros de diámetro dotada dunha plataforma cunha mensaxe de Feliz Nadal e os logotipos do Mercado e a Concellería de Promoción Económica, e unha composición de burbullas de varios tamaños na fachada.


Asemade, a intervención de Inbloom inclúe unha montaxe central que combina bolas de fantasía con bolas verdes de vexetación no Gastroespazo; instalacións laterais de musgo vermello e amaranto nas zonas de acceso; o recubrimento da parte superior das bancadas dos postos de peixe cun tecido de veludo fantasía en cor verde; diversas grilandas con elementos naturais; un arco realizado con elementos vexetais colgantes (para dar sensación de túnel) na entrada principal; a vexetación interior da burbulla photocall e árbores para as ventás da fachada. No que atinxe á iluminación, instaláronse 15 focos Led W600, 6 bolas de espellos de 50 cm e 5 de 20 cm, un microled icicle no arco de entrada e 6 tiras de bombillas de dous metros.


A concelleira de Promoción Económica lembrou que o seu departamento leva traballando desde o pasado mes de agosto no deseño do programa de Nadal, “co obxectivo de que haxa ambiente na rúa e luces, que son imprescindibles para o comercio e a hostalería”. “Nós fixemos os deberes e somos moi respectuosos co aforro enerxético. Non se trata de cumprir normas que teñan que ver ademais co Goberno Local, senón que son estatais. Imos empregar polo tanto luces Led e a manter un respecto absoluto polo medio ambiente”, asegurou Yoya Blanco.


A estrea deste decorado marca o pistoletazo de saída dun Nadal que terá o seu epicentro na Alameda, onde pronto quedarán instaladas as cinco carpas decoradas e iluminadas nas que se desenvolverán actividades do agardado programa Ponte Xogos, divididas en función das idades e das que os nenos e nenas poderán desfrutar mediante tíckets de compras realizadas no comercio local. A intención de Yoya Blanco é que tanto esta montaxe como a do Recinto Feiral, onde os rapaces poderán desfrutar das actividades do programa Nadal Xogos, estean xa listas para despois da ponte da Constitución (a presentación das actividades realizarase finalmente o día 14 de decembro).