Pontevedra 2023 xera expectación entre os deportistas e técnicos que estes días compiten en Abu Dhabi

24
A delegación pontevedresa achegada até a cidade dos Emiratos Árabes Unidos está realizando diferentes accións informativas para dar a coñecer a cita do ano que vén ao tempo que amosan as bondades da contorna onde será realizada
Competidores de alto nivel como Jonny Brownlee ou Antonio Serrat xa expresaron a enorme gana que teñen de competir en Pontevedra  

A Gran Final das Series Mundiais Pontevedra 2023 será unha experiencia completa que estes días se está dando a coñecer entre os deportistas, os técnicos e os representantes de ducias de países que ao longo destes días viñeron até Abu Dhabi para participar ou observar a maior festa do triatlón.

O Concello de Pontevedra conta cunha delegación sobre o terreo, encabezada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que está a traballar arreo para poñer en coñecemento de toda a xente que está a vivir a cita deportiva que a Boa Vila agarda por eles o ano que vén. Faise fincapé en varios elementos relevantes alén da propia competición: a idílica contorna galega, o ocio gastronómico, patrimonial e cultural que oferta Pontevedra e a experiencia pasada.

Nese sentido, non son poucos os triatletas e técnicos que xa coñecen Pontevedra e a súa contorna. Así, o ITU Multisport de 2019 é un evento lembrado, polo que moitos dos presentes xa saben das bondades da Boa Vila e da comarca pontevedresa. A idea de regresaren e estaren o ano que vén de novo polas nosas terras é máis que unha posibilidade —tal e como xa indicou a FETRI hai un par de días á hora de indicar que as prazas hoteleiras da cidade para as datas da competición xa estaban cubertas—.

Sobre o terreo é doado atopar centos de persoas con material promocional sobre Pontevedra: pulseiras, chapas, folletos divulgativos, revistas… Todo forma da campaña promocional posta en marcha desde o Concello día o previo á competición oficial.

Doutra banda, o alcalde puido manter algunhas palabras con diferentes triatletas da elite deste deporte. Un deles foi Jonny Brownlee, actual campión olímpico, que confirmou a súa intención de estar en Pontevedra o ano que vén, unha terra que xa coñece e da que sinalou algunhas das súas virtudes. 

O rexedor, xunto co deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, tamén mantivo unha reunión co competidor galego Antonio Serrat, sexto no ranking mundial, para darlle ánimos e desexarlle sorte na procura de fortuna durante a gran final de Abu Dhabi. O vigués explicou que lle prestaría chegar nun mellor estado de forma, pois aínda arrastra as sequelas dunha caída adestrando trala súa volta de Bermudas. «Quixemos desexarlle a máxima sorte para que poida estar aí, competindo entre os mellores, e, quen sabe, subir de posto no caso de non poder acadar o podio», indicou Lores. «Vai estar en Pontevedra salvo catástrofe porque é galego e conta con poder gozar deste evento que promete ser toda unha experiencia para moita xente».