Ponte a Punto, o congreso decano do desenvolvemento persoal, reencontrase co público en Pontevedra esta fin de semana para celebrar o seu décimo aniversario

37
  • O evento, organizado grazas á colaboración da Concellería de Promoción Económica, celebrarase durante toda a xornada de mañá no Auditorio de Afundación e contará con relatores da talla de Javier Iriondo, Josepe García, Fernando Salinero, Pepe Cabello, Majo Cascales, Raquel Arbizu, Sissi Freire, Natalia Sanchidrián, Santiago Pazhín e Mario San Miguel

O evento de desenvolvemento persoal Ponte a pinto volve fiel á súa cita presencial en Pontevedra para celebrar por todo o alto o seu décimo aniversario, que o converte no congreso de crecemento persoal máis veterano de Galicia e nun dos máis lonxevos de España. Nesta edición tan especial que se celebrará durante toda a xornada de mañá e que se trasladará ao Auditorio de Afundación (en lugar do Pazo da Cultura, como viña sendo habitual), o Ponte a Punto, organizado pola firma Docensa en colaboración coa Concellería de Promoción Económica, contará cun elenco formado por algúns dos relatores máis relevantes que teñen pasado polo mesmo ao longo desta década, como son Javier Iriondo, Josepe García, Fernando Salinero, Pepe Cabello, Majo Cascales, Raquel Arbizu, Sissi Freire, Natalia Sanchidrián, Santiago Pazhín e Mario San Miguel, que abordarán temas de tanta actualidade como a resiliencia, a xestión das emocións, o benestar mental, a mellora das relacións cun mesmo e cos demais e, por suposto, asuntos vencellados coa motivación e a superación persoal.


Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “este congreso vai facilitar ferramentas, estratexias e grandes doses de inspiración para que as persoas poidan xestionar mellor as súas emocións e levar ben as situacións recentes e actuais que nos tocaron vivir”. “O perfil das persoas que asisten ao Ponte a Punto -apunta Blanco- é moi variado, porque este congreso está dirixido a calquera persoa que estea interesada en mellorar como ser humano a nivel mental e emocional. Por iso, entre os asistentes a este evento inclúense profesionais da educación, o coaching e a psicoloxía, emprendedores, autónomos, directivos de empresas, executivos de ventas, estudantes, desempregados… É dicir, calquera persoa que teña interese en mellorar e ter unha vida máis plena, feliz e íntegra e que desexe contar con ferramentas que as axuden a xestionar mellor as emocións, actitudes e pensamentos”.


Ponte a Punto iniciou a súa andadura en 2012 con relatores tan recoñecidos como Emilio Duró e Eduardo Sánchez (The Secret) e, ao longo destes dez anos, pasaron por el oradores tan prestixiosos como Javier Iriondo, Fernando Salinero, Sergio Fernández, Josepe García, Pepe Cabello, Annie Igartiburu, Teresa Viejo, Majo Cascales, José María Toro, Carlos Andreu, José Antonio Fernández Bravo, Montse Hidalgo, Miriam Fernández, Mario San Miguel e outros moitos conferenciantes que contribuíron a converter a Pontevedra en capital da intelixencia emocional.


Poden acceder a máis información sobre o programa, os relatores e as entradas en www.ponteapunto.es.