As mulleres empoderan os escaparates dunha vintena de establecementos comerciais do contorno da Praza de San José e da rúa Rosalía de Castro

57
  • Os comercios exhibirán ata o vindeiro 6 de decembro unha exposición fotográfica protagonizada polas participantes no programa Namórate de Ti 2022, impulsado pola Concellería de Igualdade ao redor do 25N co obxectivo de mellorar a autoestima das mulleres e o enfoque positivo do presente a través de actividades como baile, reflexións, escritura, escoita, conexión coa natureza e a eliminación de etiquetas como ‘vítima’

Os escaparates dunha vintena de establecementos comerciais de Pontevedra situados no contorno da Praza de San José e da rúa Rosalía de Castro acollerán ata o vindeiro 6 de decembro unha exposición fotográfica protagonizada por mulleres participantes no programa de empoderamento feminino Namórate de Ti 2022. Cinco heroínas, mulleres fortes, que participaron (xunto con outras dúas compañeiras) nos obradoiros impartidos pola artista Patricia Maquieira e a orientadora Tegra Gómez e que exhiben nas fermosas imaxes desta mostra o seu lado máis íntimo, positivo, profundo e optimista.

A exposición foi inaugurada esta mesma mañá cun percorrido no que a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, visitou as vitrinas dalgunhas das firmas participantes acompañada dalgunha das súas protagonistas; da propia Tegra Gómez; da directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda. En concreto, a mostra pode desfrutarse nos comercios Viajes Eroski, Trévede Fashion Store, Zafiro Tours, Bess Two, Taller de Costura Bendrell, Óptica Federópticos Revenga, La Audiencia, D-Lectum, Mepiachi – Restos Stock, Farmacia Evangelina Blanco Rey, Madre Selva Cosmetics, Lienzo Decoración, Sonytel Galicia, Xoaría Palamios, Sonata Dos, Café Bar 33, Carnicería Quique, Pontepan, Wengue Interiorismo, La Tienda de Raquel e Moma.


Tal e como sinalou Yoya Blanco, “con esta exposición poñemos o colofón a unha nova edición do obradoiro Namórate de Ti, un taller de empoderamento feminino onde Tegra e Patricia puideron traballar con estas mulleres bravas a mellora da autoestima e o enfoque positivo do presente, a través de diferentes dinámicas con actividades como baile, reflexións, escritura, escoita, conexión coa natureza e eliminación de etiquetas como ‘vítima’, para enfocar o futuro dun xeito máis livián e sentíndonos moito máis poderosas”. Enmarcado dentro das actividades organizadas pola Concellería de Igualdade e o CIM co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o programa desenvolveuse no CIM ao longo de catro xornadas (os días 26 e 27 de outubro e 2 e 3 de novembro), co obxectivo esencial de que tódalas participantes aprendesen a quererse e valorarse empregando a imaxe e a fotografía como ferramenta.


Deste xeito, Namórate de Ti permitiu reforzar a autoestima e o autoconcepto que as participantes teñen de si mesmas, fomentando a unión social e a cooperación grupal, a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e as sesións fotográficas que xerminaron nesta emotiva mostra. “Gústame falar coas mulleres tras a súa participación no programa -asegurou Yoya Blanco- e a verdade é que sempre me atopo con mulleres un pelín máis fortes que antes, moi empoderadas. Eliximos unha rúa como Rosalía de Castro, que tivo que sufrir un andamio durante longo tempo e na que queremos que se visibilice o comercio da zona. Quero agradecerlle ao meu equipo do CIM o excelente labor e, por suposto, a Patricia e Tegra por desenvolver este tipo de proxectos, cos que se acada un pouco máis de felicidade nas mulleres”.


Segundo apuntou Tegra Gómez, “este é un programa dirixido a mulleres que ten como obxectivos esenciais o aumento da autoestima e o empoderamento, que ten dúas fases: a primeira consta de catro sesións, nas que facemos traballo de liberación de etiquetas e que lles permiten acadar a confianza suficiente como para despois poñerse diante dos focos, brillar con luz propia e botar todo o mellor de si mesmas nesas fotos; e esta segunda, que exhibe as fotografías nos escaparates”. “Queremos ser mulleres, nada máis. Non queremos ter outro tipo de etiquetas, porque nos limitan e nos clasifican cara a fóra, e non queremos. Queremos vivir libremente e amosar a nosa personalidade”, afirmou Gómez.

A orientadora indicou que, aínda que nun primeiro momento sempre existen nervios ou reticencias á hora de saír nas imaxes, á maioría de mulleres participantes acaba por resultarlles unha experiencia moi positiva “o feito de verse en fotos grandes, efectuadas con focos, cun fondo determinado, cunha pose diferente e nas que se ven favorecidas”. “Acaban desfrutando moito, soltándose e xogando coa cámara durante as sesións. Verse nun escaparate xa é un paso máis. Hai algunhas ás que lles encanta e outras que teñen un pouco de vergoña”, matizou Tegra Gómez.